A ARQUITECTURA POÉTICA NA OBRA DE AVILÉS DE TARAMANCOS Xosé Luís Axeitos
Non é doado establecer un perfil acabado de ningún poeta coetáneo que, como Avilés de Taramancos, forma parte dunha realidade humana que nos sustenta tamén a nós. Esta intimidade histórica, esta complicidade, aínda que pareza o contrario, é un grande atranco para a comprensión do artista. Porque non nos deixa establecer unha distancia axeitada, imprescindible para achegármonos ó poeta. Por este motivo temos moitas veces que recorrer á adxectivación, un tanto gratuíta se partimos da base de que a causa de Avilés non é outra que a poesía (?Pois a camelia existe ó decir o seu nome?). E se Avilés é un patriota e un revolucionario, non o é tanto polo que di senón pola forma de escribilos seus poemas. Construír poemas despregados cunha soa imaxe, negando na práctica toda a tradición da actual poesía galega, é de certo revolucionario. Pero aínda hai outro aspecto que dificulta o achegamento á obra de Avilés e non é outro que a incomprensión e o desconcerto que produce na crítica profesoral e academicista (non necesariamente exercida por profesores, aínda que tamén) a lectura da poesía que se entende. A poesía que non se entende dá ocasión de investigar e organizar toda unha industria hermenéutica mentres que a que si que se entende cóllenos desprevidos e parécenos fácil e ata vulgar, cando a vulgaridade está na nosa lectura elemental e descoidada. Non é desmesurado o corpus poético de Avilés, máis ben se conforma como unha poesía recollida, esencialista, que non necesita, xa que logo, da muleta antolóxica, imprescindible nos poetas desbordados. Presentarse deste xeito, espido, sen pertenza a grupos, tendencias, xeracións ou antoloxías procúralle ó noso autor unha ontoloxía autorial onde vida e literatura semellan camiñar con insólita naturalidade. En Galicia, onde tantas cousas se construíron arredor da poesía, houbo sempre unha notoria inflación poética de facedores de versos que non acadan a categoría de poesía. Porque son retallos, faíscas, moxenas que voan no ar, sen peso que os lastre, sen vocación de equilibrio e pervivencia. Son discursos intranscendentes, simples sucesións de versos, incoherentes. Pola contra, a poesía de Avilés de Taramancos está atravesada pola vocación arquitectónica, pola solidez do edificio poético. En primeiro lugar, os seus poemas están cheos de ecos da nosa orixe histórica, unha consciencia social da que agroma unha constante preocupación constructiva. E, coñecedor da debilidade estructural do noso país (?Ai, miña bandeira de brétema?), vai unha e outra vez na procura de firmeza telúrica:
Veleiquí como alzo polida arquitectura: Sobor do chan das eiras ergo a forte montaña
27 Nº 364