BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
ga?, que a natureza non era o maná permanente e inesgotable que pensaban a maioría dos ilustrados. Esta visión optimista da natureza foi unha constante do século e defendérona desde o seu admirado Feijoo, na primeira metade, ata o propio Jovellanos, nos finais e, mesmo en Europa, ata os traballos de Malthus non se principiou a crer nela. Neste caso foi o método de traballo de Sarmiento, defensor da erudición e da medida, o que fixo posible a construcción dunha estatística das capturas de atúns desde os séculos XVI ata o XVIII, con máis de douscentos anos de datos, e na que se amosaba claramente a baixada dos rendementos. A partir dela e cunha lóxica irreprochable amosa que é a sobrepesca a única xustificación posible da decadencia das pesqueiras: ?el modo de pescar mucho, es el peor modo de pescar?, sentenciaba o benedictino. No relativo ó preito da xávega, á parte dalgunhas conclusións que semella que non foron acertadas sobre o papel negativo destes sistemas na caída das capturas, xorde de novo a necesidade de mantela integridade do ciclo biolóxico das sardiñas, defendendo as épocas de desova e cría. E destas consideracións nace a necesidade de adoptar medidas de conservación dos recursos pesqueiros polo sistema, universalmente admitido despois, das vedas. Ideas que serían máis tarde recollidas polo seu irmán Francisco Xabier, Ministro da Provincia Marítima de Pontevedra, nas Ordenanzas de Pesca de 1767, as primeiras promulgadas en España. Sarmiento foi un precursor, con esta acertada e realista visión sobre o esgotamento dos recursos pesqueiros, polo que se considera o primeiro ambientalista español. E mesmo hoxe diriamos que foi un adiantado do desenvolvemento sostible. Nesta problemática conservacionista é, posiblemente, onde semella máis evidente a falla de prexuízos e a liberdade de pensamento da súa rexa personalidade. Innovador nestes temas e mesmo con opinións totalmente opostas ás dos seus irmáns de hábito, afervoados crentes dun mundo perfecto, soubo encarar con acerto o problema e atinar no diagnóstico da degradación dos recursos naturais en España. Rematamos cunha pregunta que intenta ser un resumo, difícil resumo, de todo o dito: ¿Que papel xogou Sarmiento na ciencia e na técnica da época? Sen dubida que non foi un Jorge Juan, matemático, astrónomo e difusor das teorías de Copérnico en España, nin sequera un creador de institucións de prestixio como José Quer, director do Jardín Botánico. Sen embargo, si que foi unha peza indiscutible e fundamental na transmisión deses saberes a unha sociedade na que a nobreza e, sobre todo, unha alta burguesía emerxente, amosaba un renovado interese polas formas en que a técnica e a ciencia lle estaban a presentala realidade. Certo é que os seus traballos de observacións botánicas (sobre todo etnobotánicas) nas viaxes a Galicia son salientables cientificamente e representan o primeiro estudio sistemático que se realizou sobre a vexetación do país, pero, de moita maior transcendencia, foi o seu papel de referente social en España, dunha ciencia empeñada en facer útiles e aproveitables as cousas da natureza. E, nunha época e nun país onde a ciencia e a técnica estaban a elaboralas súas cartas de presentación en sociedade, non foi pequena cousa.
Nº 363
210