BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
xes que fixo a Galicia en 1745 e 1754 que, aínda que cronoloxicamente puidesen supoñer moi pouco, case unha anécdota no conxunto dunha vida de 77 anos, na realidade foi o espertar, feitos xa por Sarmiento os cincuenta anos, dun forte e definitivo interese polas ciencias naturais, tal como el recoñecía en relación coa viaxe a Galicia en 1754: ?con esta ocasión me aficioné infinito a la historia natural, a la Botánica y a la Lengua Gallega?. Afección que medraría, moi probablemente, coa seguinte viaxe, xa que foi despois de 1754 cando escribiu os traballos máis importantes, maiormente a obra dos 660 pliegos onde aparece un número considerable e significativo de traballos dedicados á historia natural. Poderíase, por todo iso, afirmar, que a obra de Sarmiento dedicada á historia natural ten un forte acento galego que se pode rastrexar nos traballos dedicados á flora, fauna e xeoloxía de Galicia, e que constitúe, sen dúbida, o máis importante da súa obra naturalista. Dentro deste conxunto de traballos, os que foron dedicados á botánica constitúen, con seguridade, polo seu volume e significado, o grupo máis importante. Pero como á maioría dos botánicos españois da época, critícaselle a Sarmiento a utilización dunha sistemática vexetal xa superada como era a de Tournefort e o esquecemento na que mantiñan a de Linneo, polo que, ós ollos de hoxe, moitos destes traballos desmerecerían e mesmo chegarían a ser inútiles. No caso de Sarmiento, este coñecía perfectamente a obra de Linneo, ó que cualificaba como ?el más famoso naturalista y botanista del mundo? e mesmo chegou a empregala súa sistemática, sobre todo nos traballos de zooloxía. Pero coma a xeneralidade dos botánicos españois (e tamén franceses, habería que engadir) non a utilizou normalmente. As razóns deste anacronismo son variadas e complexas, pero dentro delas unha das máis importantes sería, posiblemente, o manifesto e decidido énfase que se lles daba nos tempos ilustrados ás aplicacións da botánica, que superaba con moito o interese pola sistemática vexetal pura e simple. Por iso, unha clasificación, como era a de Tournefort, máis sinxela e directa para a identificación das plantas era preferida á de Linneo que, aínda que fose máis sólida cientificamente, presentaba máis problemas para a súa aprendizaxe e aplicación. Sarmiento tiña un método de recollida de datos no campo perfectamente coherente con esta decidida orientación cara á botánica aplicada. E así, segundo as súas recomendacións debíanselles dar ós nomes tradicionais a mesma importancia cá nomenclatura científica, polo que o coñecemento do galego era unha cuestión fundamental na formación dos naturalistas que traballasen en Galicia, e dun xeito semellante, o coñecemento dos usos que se podían tirar das plantas podía telo mesmo interese cá súa descrición científica. Estas achegas, no campo que hoxe se chamaría a etnobotánica, seguen a ser na actualidade do máximo valor, xa que non hai mellor fonte antiga sobre nomenclatura vernácula que a que conteñen os seus escritos, e no que atinxe a Galicia, aínda hoxe non foron superados. No eido das aplicacións médicas pódese falar de dúas épocas nas que a viaxe a Galicia de 1745, pode servir de separación. Antes desas datas Sarmiento amósase como un bo discípulo de Feijoo e defende, desde un renovado hipocratismo, a forza da natureza como principal recurso que se debe preservar. Por iso, moitas das prácticas galénicas,
Nº 363 208