Estudos e investigacións sobre María Mariño
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
E unha vez na chaira do coñecemento desaparecen antigas frustracións ?Ya en el llano recogí/ mi sueño de ayer turbado,/ sueño de ayer frustrado? (Mariño 2007: 135), para dar paso ó soño do mañá. Esta resurreción, esta volta á vida, esta experiencia da vida plena posibilítaa a esencia solitaria do lugar. Nesta Soedade esencial courelá a poeta cingue o arredamento xeográfico ó recollemento espiritual e ó inmenso afastamento radical dos ?Solos?, estranxeiros en tódalas patrias5: ?¡Eres camino de Solos!,/ de ellos eres fruto hecho? (Mariño 2007: 136). Neste senso, ela mesma chega a dicir no seu libro Más allá del tiempo: ?Mi mayor placer es el estar sola?. A nena abismada, que contempla o mar de Noia ascende agora pola escala dun monte que só a pode conducir ó cume máis profundo de si mesma. E precisamente por iso, porque se trata dunha obra auténtica, forxada na soidade da creación profunda e allea ós devires dos males do mundo, a obra de María Mariño contén moitas obras, moitas verbas que comezaron, moitos fíos dun tecido igual á propia vida, unha enerxía solar e subterránea que fala na lingua do Courel, pois a poeta, en plena coherencia co seu rito encantatorio exprésase no dialecto courelao que se converterá na súa lingua poética. As palabras de María Mariño conservan un misterio que a lectura consegue amar pero non descifrar. O seu enigma é o enigma da Beleza que triúnfa fronte a tódalas miserias, como a rocha courelá, firme e allea ós pequenos infernos do maldicir. A beleza total que se estende de cume a cume como un camiñante prehistórico, pois o Courel está constituído por pregamentos de bloques erráticos, igual igual que a Poesía. A obra de María Mariño é pois, entre outras cousas, un total canto de ecoloxía amorosa e respecto pola vida diversa, unha afirmación da liberdade onde o pracer dos sentidos planea coma unha aguia en voo aberto. Precisamente cando escribimos estas palabras finais chéganos un ?S.O.S polo Courel?, unha chamada ó respecto do patrimonio natural ante o desleixo e o espolio interesado dos poderes, que destrúen a beleza porque non a ven, que non respectan a vida porque non a aman, que ven minas e o vulgar proveito onde a poesía ve o ventre fecundo da montaña. Que a poesía inmensa do Courel se impoña. Que non nola neguen. Que nos deixen vivir na Paz do Lugar noso. Que píe para sempre o paxaro da paz no Courel de María Mariño.
101
Nº 368