BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre María Mariño
(...) Tierras viven descanso bajo el manto venidero. En un Solo vive un eco... Canta soledad el sendero. (Mariño 2007: 170)
O LUGAR DA PAZ Pode dicirse que a obra de María Mariño é o canto dunha Soa radical que atopou lugar para vivir a paz da súa soidade inmensa: a poesía manifestóuselle unicamente cando a beleza inhóspita e grandiosa dos cumes courelaos se lle revelou en toda a súa plenitude. Cando sentiu que a vella voz daquel lugar sen patria a chamaba para contarlle e cantarlle ó mundo a súa existencia. A palabra arredada da costureira noiesa transfórmase na mensaxe oculta recibida nun espazo único: Courel illarefuxio, acubillo creativo, como tamén o fora para Uxío Novoneyra. E María Mariño entregou o seu don a esta terra que foi xa para sempre a súa, transformado o seu mar en monte, onde antigos cabaliños de mar respiran fosilizados unha memoria libre. Foi pois, para María Mariño o Courel, terra da vida e da morte, da unión e a despedida, e sobre todo, destino, fonte e testemuño da súa explosión artística. Así o deixou escrito ela mesma na composición ?CAUREL? do libro en castelán Más allá del tiempo, recentemente exhumado. No poema, a autora di ter atopado a ?luz? interior na morada courelá: ?hallando fui la luz/ la cual en sombra/ se había trocado? (Mariño 2007: 135). Así é o Courel a patria do nacemento á súa vocación, a asunción final da súa personalidade profunda, marcada polo intenso da experiencia poética. O Courel é patria, pois, da resurrección da muller completa María Mariño:
En tu llanura nací. Tu roca me dio aliento hecho. En mi alma muerta vivió tu bruma. En tu bruma resucitó mi pecho. (Mariño 2007: 135)
A este lugar di chegar ?En puntillas?, como chegaron tódalas mulleres ó saber, calada e discretamente. Mais tamén co silencio de quen entra por vía mística, en senso ascensional, ata atopar o significado último das cousas. A poeta intérnase pola ?escura senda? da experiencia creadora ata arribar á chaira da revelación. O camiño que a conduce ó Courel condúcea á Poesía e a si mesma:
En puntillas fui llegando a tu sendero más cercano, paso a paso de la mano me arrastró a la llanura. (Mariño 2007: 135)
Nº 368
100