Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O BICO Na versión de Calvos de Randín que estamos analizando as tres irmás pobres aceptan, en principio, a oferta de matrimonio, polo que a raíña propuxo que casaría co príncipe aquela que resistise os seus beixos. As dúas primeiras caeron desmaiadas ao intentalo; a máis nova, en cambio, propúxose resistir e conseguiuno. Aceptar os bicos do mozo e darllos representa o cariño. As dúas primeiras non son capaces de amalo; a segunda, si. Nunha versión portuguesa de «A bela e a besta» a rapaza, tras visitar uns días os seus pais, volve ao pazo do monstro e encóntrao no chan coma morto. Entón di: ?Pobre, está morto. Dareille un beixo?. E deullo. Daquela o monstro transformouse nun fermoso mozo, pois era en realidade un príncipe encantado, e casou con ela (OLIVEIRA 612). Ao regresar dunha visita á casa paterna, a heroína de «Rosa» atopa desmaiado o repulsivo animal co que vive. ?Iso entristeceuna moito, axeonllouse xunto a el e bicouno. Entón a pel peluda desprendeuse do seu corpo e apareceu ante ela un fermoso príncipe... O príncipe abrazou a rapaza e contoulle que fora maldicido e que so o bico dunha doncela pura e inocente o podía liberar. Logo casou coa rapaza? (DIEDERICHS setembro 91).
DE NOITE O MOZO É FERMOSO Ao outro día da voda, a nai do príncipe preguntoulle á súa nora que tal fora a noite. Ela contestoulle que moi ben, que de noite o lagarto quitara a pel e deixara ver un mozo fermosísimo. É este un motivo que se repite en múltiples contos, non só no do príncipe encantado en forma de lagarto. A miúdo as persoas encantadas, que durante o día son monstros, de noite, na cama cos seus amantes ou cónxuxes, recobran o aspecto humano. Poderiamos dicir que é un desencantamento temporal. Ese desencantamento nocturno será permanente cando, unidos pola relación sexual, saiban amarse. É dicir, os contos de fadas subliñan a importancia da relación sexual como medio de unir a parella, como medio de superar as dificultades da convivencia. Na versión castelá, na noite de vodas o noivo ?quitou sete camisas de lagarto e quedou un fermoso príncipe e deitouse coa súa muller? (CAMARENA 242). O protagonista de «O rei serpe», que durante o día vive baixo a aparencia dunha cobra, pola noite, coa súa esposa, vólvese cristián. Na versión grega, a sogra pregúntalle á esposa se a serpe mantén o seu aspecto durante a noite, e ela contesta: ?¡Non, que va! ¡O meu marido non é ningunha serpe senón un lindo mozo que só está metido nunha pel de serpe, pero cando a quita, resplandece como se fose fillo do sol!? (CALVINO 645; DIEDERICHS agosto 14. Xa BASILE 5455. Véxase tamén OLIVEIRA 817, 661; DIEDERICHS marzo 49; ALMODÓVAR 72).
203 Nº 365