BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
ACEPTA O MATRIMONIO UNHA DE TRES IRMÁS POBRES Ás veces, como no noso conto, sucede que a proposta matrimonial do lagarto vai dirixida a tres irmás. A resposta das dúas irmás maiores difire segundo as versións: néganse desde o principio; aceptan nun primeiro momento pero acaban por rexeitar a relación; aceptan mais, debido á súa conduta inapropiada, son castigadas. Na versión de Calvos, que segue a segunda posibilidade, as dúas rapazas máis vellas están dispostas a darlle un bico ao príncipe pero desmáianse. Nalgúns contos nos que o pretendente é un mal home ?sexa ou non lagarto a filla máis nova accede a contraer matrimonio por amor a seu pai. Sacrifícase polo ben da súa familia paterna. Logo recibe o premio á súa xenerosidade pois o marido resulta ser un príncipe fermoso e sensible. Así en «O demo de cuñado», no que o millonario pretendente é un mozo que asinara co demo un pacto polo que recibía incalculables riquezas a cambio de non lavarse nin peitearse durante sete años. O mozo ofreceulle unha fortuna a un comerciante a cambio da man dunha das súas tres fillas. As dúas máis vellas examinan o pretendente, desaseado e sucio, e rexéitano horrorizadas. Aseguran preferir o suicidio a casar con el. Entón o pai suplícalle á filla máis nova que o acepte. Ela, chea de amor filial, consente en casar co mozo noxento. Pasados os sete anos fixados no pacto, o esposo transfórmase nun marido fermoso e bo, que fai feliz a rapaza (DIEDERICHS novembro 1145; véxase OLIVEIRA 653, PRIETO 90). Nunha versión española, as dúas primeiras irmás aceptan gustosas o casamento pero o lagarto mátaas: ?E cando o lagarto medrou díxolle á raíña que quería casar. E a nai foi buscarlle noiva e foi á casa de Mariquiña (a nena que o criara). E a irmá maior dixo que casaría con el. E casaron, e o lagarto díxolle á noiva que se deitara ela primeiro, que el viría deitarse ás doce, e que non se durmira senón que o agardara esperta para que o sacase do encanto. Pero a noiva deitouse e durmiu e cando veu o lagarto deitarse atopouna durmida. E ao momento tocouna e comeuna?. E o mesmo pasou coa segunda irmá. ?Pasado algún tempo o lagarto díxolle a súa nai que quería casar outra vez. Pero como xa sabían o que lle pasara ás dúas irmás xa ningunha moza quería casar co lagarto. E entón o lagarto díxolle á nai que quería casar con Mariquiña, a que o criara. E a nai foi e díxollo a Mariquiña, e ela dixo que non, que non casaba co lagarto. Pero a raíña rogoulle que casara con el para desencantalo? (CAMARENA 2412). Esa versión quere recalcar que a esposa dun home malo, se quere redimilo, debe dedicarlle amor materno, pois logra desencantalo quen o cría cos seus peitos. O mesmo sucede no conto portugués «O Príncipe Sapo». Cando nace o fillo sapo os pais piden unha rapaza que queira criar o monstro coa promesa de que casará con el e, polo tanto, acabará sendo raíña. Di o conto que se presentou voluntaria unha rapaza que o criaba con moito amor, «como se ele fosse uma criança» (COELHO 183).
Nº 365 202