Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Tamén denotan maldade as encarnacións noutros dous animais asociados co Mal como son a serpe e o lagarto. De feito, en bastantes casos son animais intercambiables. Nunha versión o protagonista convértese en lagarto e noutra en serpe. Nunha das versións españolas queda patente a maldade do protagonista, pois nace como castigo á súa nai, culpable por non resignarse ante os designios de Deus, e o rapaz compórtase de maneira terrible desde o primeiro momento: ?Estes eran un rei e unha raíña que non tiñan fillos. E a raíña xa enfadada porque Deus non lle daba un fillo, foi un día e rogoulle a Deus que lle dera un fillo aínda que fose un lagarto. E Deus para castigala deulle un fillo lagarto. E ao nacer o lagarto buscaron unha ama de cría e aos poucos días xa o lagarto lle comera os peitos. E buscaron outra e tamén llos comeu. E foron buscar outra ama para que criara o lagarto, pero como xa lles comera os peitos a dúas xa non quería ningunha crialo? (CAMARENA 241). Así pois, o protagonista de «O príncipe lagarto» representa a un mozo mala persoa e de mal carácter, que, a pesar diso, conta co amor de súa nai.
O LAGARTO QUERE CASAR Os contos marabillosos abordan os asuntos básicos da vida, e entre eles, claro está, o matrimonio. E presentan as distintas posibilidades. Unha delas é a do matrimonio cunha moza ou un mozo de mal carácter ou decididamente malvados. O exemplo máis coñecido quizais sexa o conto de Barba Azul. Se ben existen diferentes versións con distintos finais, Barba Azul case sempre se comporta coma un malvado sen remisión, que mata as esposas, se non tiveron a precaución de manter os lazos cos seus parentes, que lles axudarán a fuxir. O príncipe lagarto, polo seu carácter, terá dificultades en conquistar unha moza. Dío ben claramente o noso conto. Cando o príncipe lle comunica a súa nai o desexo de casar, ela contéstalle: ?¿E con quen te vas casar, queridiño? É millor que se che tire esa idea da cabeza porque ó fin ninguén te vai querer?. A única solución neses casos, segundo os contos, consiste en procurar unha esposa entre mulleres de inferior condición económica e social. Bastantes contos preséntannos un pai pobre forzado a entregar por diñeiro a súa filla a un mal becho ?un esposo serpe, lagarto, etc.? e mesmo a un depravado. Non sempre o marido imposto polo pai resulta ser un malvado impenitente. Na maioría dos casos trátase dunha persoa con defectos máis ou menos graves, pero capaz de vencelos e de facer feliz a súa esposa. A historia adquire un ton máis grato e remata nun final máis claramente feliz cando a moza acepta o matrimonio por amor filial, como sacrificio polo benestar dos pais, para quen ese enlace supón o único medio de escapar da miseria.
201 Nº 365