BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
rei e a raíña de «O rei dragón» ao descubrir no leito nupcial un letreiro no que se lles comunicaba que non gozarían de descendencia (DIEDERICHS xaneiro 82; véxase xaneiro 36). Algúns pais, ao principio, repudian os seus fillos malvados ou viciosos. Pero axiña pasan do rexeitamento inicial ao amor máis desprendido. Por exemplo, os pais de «O burriño» dos irmáns Grimm. Había unha vez ?di o conto? un rei e unha raíña moi ricos que tiñan todo o que desexaban, agás fillos. E a raíña queixábase día tras día, dicindo: ?Son como un campo no que nada medra?. Ao cabo atendeu Deus os seus desexos; pero o neno, ao vir ao mundo, non parecía un ser humano senón un burriño. Cando a nai o viu, comezou a berrar e laiarse; antes prefería non ter fillos que un burro, polo que pensou en botalo ao río para que o comesen os peixes. Mais o rei dixo: ?Non, se Deus mo deu será o meu fillo e o meu herdeiro, ocupará o trono despois da miña morte e cinguirá a coroa real? (GRIMM 160. Véxase tamén OLIVEIRA 656). Os protagonistas masculinos dos contos responden a varios tipos. Algúns encarnan o modelo ideal, que se parece moito ao cabaleiro da literatura culta; é un mozo esvelto, valente e forte, que vai montado nun espléndido cabalo e porta unha espada, mentres os rivais son covardes que pretenden pasar por valentes. Outros son rapaces normais que padecen defectos máis ou menos graves e, ás veces, non son valorados como merecen, pero que case sempre triúnfan. O protagonista do noso conto é un fillo desexado, aínda que se trate dun rapaz con defectos, un rapaz encantado en forma de lagarto. Os mozos, que coma o príncipe lagarto, sofren un encantamento son mozos reais, con algún defecto; defecto simbolizado polo animal no que se transforman. En xeral trátase de encantamentos e defectos superables. Aclaremos que tamén existen protagonistas masculinos malos sen remisión, como o noivo diabro, o noivo vampiro e Barba Azul. Eses non están encantados; son homes perversos que non se emendan. As mozas que caen nas súas mans, se son un pouco inxenuas, perecen; se son listas, foxen. Pero en ningún caso os redimen. Algúns dos animais nos que se transforman os mozos que sofren un encantamento teñen unha connotación claramente maléfica. Representan mozos con algún trazo de maldade na súa conduta, pero non definitivo senón corrixible ?ou polo menos iso pretende transmitir o conto?. Malos son os mozos encantados en forma de dragón, que é un elaboradísimo símbolo do Mal (MARIÑO 1996). O protagonista de «O príncipe encantado» avisa a moza: ?De día non me verás, porque son un dragón. Pero de noite podo quitar a pel e son un príncipe? (ALMODÓVAR 72). O heroe de «O dragón e a besta máxica» nace destinado a cometer un asasinato ou a ser dragón (CALVINO 370). O conto danés de «O rei dragón» descríbenos perfectamente o carácter, maligno, do mozo dragón, que ameaza con matar a seu pai se non lle consegue unha esposa (DIEDERICHS xaneiro 83).
Nº 365 200