Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
«O Príncipe Lagarto» é a versión de Calvos de Randín dun conto ben coñecido en Europa, o número 425A da clasificación de Aarne e Thompson, titulado «O monstro (animal) de noivo», que ten moitos parecidos co 433B. O relato coincide en bastantes aspectos coa historia de Cupido e Psique, que relata Apuleio no Asno de Ouro (APULEIO IV, 28 ss.) e que é o texto da Antigüidade clásica con máis relación cos contos marabillosos. Unha raíña infecunda pare un fillo animal. Cando se fai mozo, o monstro quere ou esixe unha esposa. O pai atópalle unha doncela disposta a casar con el. Nalgunhas versións o protagonista devora as primeiras candidatas. A esposa definitiva comproba que para durmir deixa a pelica de animal e toma forma humana. Unha noite quéimalle a pel, pero era demasiado pronto para desencantalo. Entón o esposo animal marcha e ela ten que buscalo, ás veces calzando zapatos de ferro. Recupera o marido comprando o dereito a pasar tres noites con el. Na Península existen versións en castelán, portugués, catalán e galego (CAMARENA 241). Como adoita suceder nos contos populares ?e nos romances? as distintas versións incorporan elementos diferentes, que a miúdo aparecen á súa vez noutros contos. Poderiamos dicir que a cultura tradicional posúe un amplo conxunto de motivos simbólicos aos que estrutura en diferentes combinacións. Poderiamos dicir tamén que as combinacións non son ao chou, senón entre motivos simbólicos compatibles, é dicir, capaces de crear unha historia ben estruturada e con sentido. Por exemplo, o tema do fillo lagarto que quer casar é compatible co motivo ?frecuente nos contos marabillosos? das relacións entre esposos e os seus parentes. Polo tanto, cada versión ten as súas particularidades, destacando determinados aspectos. Na versión que recolleu don Xaquín Lorenzo distinguimos os seguintes motivos simbólicos:
UN FILLO LAGARTO Moitos contos comezan falando duns pais que están tristes por non ter fillos. Iso contribúe, sen dúbida, a que os nenos que escoitan os relatos se sintan queridos. E, por suposto, reflicte o sentir da maioría das parellas da sociedade tradicional en semellantes circunstancias. Un conto portugués expón o problema na primeira frase: ?Había un rei que tiña moita pena por non ter fillos da muller?(OLIVEIRA 888; véxase tamén 177, 345, 590, 727; DIEDERICHS decembro 105). «Príncipe coitelo» comeza así: ?Éranse unha vez un tsar e unha tsarina que levaban dez anos sen ter fillos. A tsarina, cada vez que vía un neno, botábase a chorar? (DIEDERICHS xullo 119). E «Märthöl»: ?Érase unha vez un duque que tiña unha esposa moza aínda. Amábanse moito, pero levaban tempo sen ter fillos e estaban moi tristes? (DIEDERICHS febreiro 89). Tamén quedaron apesarados o
199 Nº 365