25.07.06
O transcurso do tempo non fixo máis que reforzar o alcance social e a dimensión popular do Día das Letras Galegas, data que acabou por transcender ao escritor homenaxeado para converterse nunha auténtica festa de país, nunha xornada de celebración da lingua galega e nunha ocasión propicia para a reflexión colectiva sobre o seu presente e o seu futuro. Pero foi coa restauración da democracia e co acceso de Galicia ao seu autogoberno cando se abriu un tempo verdadeiramente novo para a Real Academia Galega que, se ben nun primeiro momento non estivo caracterizado pola abundancia de medios humanos e materiais, si foi fecundo en avances recuperadores dese seu papel referencial nos asuntos lingüísticos e culturais que a institución perdera en gran medida durante o franquismo. Durante estes anos, a Academia renóvase por dentro e por fóra, pon en marcha os seus seminarios de Lexicografía e Sociolingüística, produce mapas, dicionarios e léxicos, retoma a actividade investigadora, dá entrada a novos membros, moderniza as súas estruturas materiais e humanas, dótase de maiores recursos e dun mellor financiamento e elabora programas e propostas de actividades tendentes a lograr unha maior identificación coa sociedade e unha maior penetración no tecido cívico, cultural e institucional galego. Este apresurado e moi panorámico repaso da historia da Real Academia Galega debe servirnos para constatar unha realidade evidente: o centenario da Real Academia Galega coincide tamén co momento máis feliz e razoablemente esperanzador de toda a súa historia. Hoxe, por fin, podemos dicir que a nosa entidade referencial en materia lingüística é recoñecida como tal polas leis, polas institucións e polo conxunto da sociedade galega. E quero facer unha especial incidencia na importancia de que a Real Academia Galega forme xa parte indubidable e sólida, como acabo de sinalar, do tecido institucional da Comunidade autónoma. Porque iso significa tamén que a lingua galega acadou un estatus que vai máis alá das
231
Nº 368