Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
onde se fan as primeiras matizacións e se exemplifica coa experiencia asumida a evolución dos sistemas construtivos e se define un proceso, empregando as verbas de García Bellido de petrificación da arquitectura castrexa, hipótese que ía ter ampla traxectoria aínda que os propios autores a matizaran30. Pouco despois, nos anos 1948 e 1949, retoma a escavación na Cidade de San Cibrán das Lás, aínda que os resultados, ao igual que acontece cos dos que en paralelo realiza no que el chama ?estación celtoromana de Laias?, se publicarán por Chamoso Lamas31. Coidamos que a intervención xorde dos resultados obtidos en Cameixa, que abren novas perspectivas, como vai dito, e danlle dalgún xeito a volta á panorámica do mundo castrexo que definira Cuevillas dende os seus primeiros traballos en Lás, polo que retomar os traballos nesta estación era unha forma de confirmar as bases anteriores ou afondar na cuestión aberta por Cameixa, e en parte Chamoso confirma a nosa sospeita nalgunhas referencias32. Os traballos centraranse nas portas do recinto central, a da nacente, onde descobre os corpos de garda e unhas escadas, e na do solpor e nas súas veciñanzas, onde pon ao descuberto os torreóns da porta do recinto, un pequeno corpo de garda, onde aparece unha inscrición mutilada e as construcións inmediatas, que ofrecen os seus paramentos sen solución de continuidade e con lousado interior, onde están reaproveitados materiais con decoración xeométrica. Tamén reescava na fontealxibe, da que fai un axustado debuxo, e fai diversas sondaxes sobre as murallas e foxos exteriores, ofrecendo os seus materiais unha continuidade con aqueles que xa descubrira Cuevillas nas súas primeiras intervencións o que, coidamos, lles fai dubidar verbo das descubertas de Cameixa. Das súas notas e consideracións, e das súas orientacións persoais, aproveitámonos nos traballos que dende o Museo Arqueolóxico Provincial, na década dos oitenta, recomezamos neste xacemento con vistas á súa recuperación como monumento visitable, e que foron confirmando as súas hipóteses e nos permitiron facer unha achega xeral sobre o conxunto33. Dende San Cibrán de Lás desprázase ao inmediato lugar de Barbantes ou As Laias, limítrofe entre as parroquias de Laias e Barbantes. Alí, nas abas do San Trocado que baixan ao Miño, fai diversas sondaxes, nas inmediacións da Cova da Moura ou o Castelo, que polos dous nomes é tamén coñecido, nun tempo reducido, das que se dará conta en relatorios publicados por Chamoso Lamas como xa indicamos. Naquelas datas, a paisaxe era moi diferente da actual e mesmo da que se podía ver hai cinco anos. Nos finais dos corenta aínda non comezara a reforestación do sector e podíanse ver as penedías e os restos de antigos traballos e lugares de habitación, que ofrecen, como se recolle nas súas imaxes unha panorámica moi diferente do xacemento, dunha grande extensión na ladeira, con restos, quizais de varios momentos, dos que exploran con meirande intensidade puntual algúns dos traballos sobre a rocha coas canles, depósitos e canalización, a galería da mina e diversas construcións, onde os restos aproveitados na propia rocha se completan con muros e estruturas de cachotería, mentras só se fai referencia tanxencial
61 Nº 365