BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
É eiquí é onde dun xeito máis craro se pon de manifesto a necesidade do estudo da arqueoloxía para precurar os antecedentes dos xeitos actuás de vida dos poboadores do noso campo, tendencia ista de Risco na que é axudado por Cuevillas. Compre ter en conta que, en realidade, a etnografía actual é a arqueoloxía do futuro, do mesmo xeito que a arqueoloxía é, pola súa parte, a etnografía dos tempos idos. Non embargantes, hai unha diferencia pro seu coñecemento, antre a arqueoloxía e a etnografía: os restos que atopamos da antigüidade consérvanse case sempre na súa totalidade baixo terra; elí estarán todo o tempo que queiramos sen que haxa perigro de se perderen; os produtos de hoxe, pola contra, van desaparecendo sen remedio4.
E a mesma aproximación aparece tamén nalgunhas entrevistas de prensa posteriores, sobre todo na década dos oitenta, recalcando a urxencia de prestarlle meirande atención á colleita de información etnográfica que á arqueolóxica que pode agardar5. Por outra parte, nas súas declaracións, como se pode ver na referencia anterior, aparece, sempre nidio e expreso, o maxisterio de don Florentino López Cuevillas, co que empeza a traballar sendo moi novo, e ao seu carón os lazos que manterá tamén don Vicente Risco e don Ramón Otero Pedrayo, que foi profesor seu no Instituto. É de todos coñecida a anécdota do comezo do estudo do carro6, pero dende esa data temperá comezará unha estreita relación con don Florentino, tanto nos traballos de campo da súa época de formación como posteriormente, e así o reflicte en diversos traballos7, en moitas das súas declaracións que axudan mesmo a perfilar facianas da súa biografía8, e a relación terá continuidade ata a morte de Cuevillas, e aínda despois, xa que será o encargado de ordenar os papeis do mestre para a Historia de Galicia que dirixe don Ramón Otero Pedrayo9, e mesmo o organizador en Ourense dos actos da celebración do Día das Letras Galegas na súa lembranza, en 196810, e despois os do seu Centenario11 en 1986. Esta relación marcará as liñas principais do seu traballo arqueolóxico, tanto no que atinxe á interpretación e valoración dos descubrimentos realizados, como no estudo etnográfico dalgunhas facianas concretas do mundo arqueolóxico descuberto, sexa a arquitectura doméstica ou monumental, a ourivería ou as cerámicas dos castros, ou a arquitectura prerrománica. E co maxisterio e proximidade de Cuevillas, a súa valoración do mundo céltico en Galicia como primeiro fito dunha galeguidade singular e o seu propio papel no conxunto, como ten escrito:
Era a Cuevillas a quen estaba reservada esta angueira: recoller e analizar o dos seus precedesores, faguer a laboura crítica e, sobor de todo, sistematizar e discipriñar aquiles materias ate convertilos en algo sólido e científico, e decir, crear unha prehistoria galega. Foi íl quén deu un pulo mais forte a esta disiciplina, pra nós de un intres fundamental, que estuda, de un xeito especial, os tempos da chamada cultura dos castros, cultura do Noroeste ou cultura céltica, que enche o tempo persoalizado pola técnica e a apricación do ferro Se queremos chegar ó fondo da cultura actual do noso pobo, temos por forza que nos ir afastadando no tempo deica chegar ó intre en que os celtas asentan no vello macizo galaicoduriense e van impondo níl a súa lingua, a súa relixión, a súa arte, a súa organización social a súa economía, o seu xeito de vivir...
Nº 365
58