Vida Oficial da RAG
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
NOVO PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA BIOGRAFÍA DE D. XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ Xosé Ramón Barreiro Fernández, un dos grandes historiadores de Galicia, naceu en Santa Uxía de Ribeira o 2 de decembro de 1936. A súa ampla formación comeza cos seus estudios de Bacharelato nos Institutos de Pontevedra e Santiago de Compostela. Estudiou Filosofía e Teoloxía no Seminario de Santiago de Compostela e Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma, onde se doutorou coa cualificación de Summa cum Laude e acadou a Medalla de Ouro. Obtivo tamén a Licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con Premio Extraordinario, doutorándose en Historia novamente coa cualificación de Summa cum Laude. Exerceu a docencia como profesor de Dereito Canónico e de Dereito Público Eclesiástico no Seminario Maior de Santiago de Compostela durante catro cursos e como profesor de Historia do Pensamento Social, na Escola Social da Igrexa de Santiago de Compostela, durante dez anos. É profesor da Universidade de Santiago de Compostela desde 1975, ocupa actualmente a Cátedra de Historia Contemporánea de Galicia nas Facultades de Xeografía e Historia e Xornalismo. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia e Vicerrector da Universidade de Santiago. Como docente universitario e conferenciante goza dunha recoñecida solvencia fundamentada nun discurso conceptual e rigoroso que non refuga a precisa ilustración anecdótica. A historiografía galega, tradicionalmente afastada dos círculos universitarios e instalada nun proceso diferenciador, atopou no discurso e na obra do profesor Barreiro a confluencia da tradición co rigor académico necesario. Nunha lectura da súa ampla bibliografía, ó lado dos estudios centrados no ámbito da súa docencia, podemos ver que non descoida un ángulo de investigación como o dos estudios de bibliofilia, tan vinculados ó noso acervo cultural desde que D. Manuel Murguía os iniciara nos albores do provincialismo. Ocupou e ocupa diversos cargos institucionais entre os que se poden mencionar os seguintes: ? Director do Instituto de Estudios Xacobeos e da revista Compostellanum. ? Secretario do Instituto de Estudios Galegos P. Sarmiento. ? Membro fundador da refundación do Seminario de Estudios Galegos, e membro da súa primeira Executiva. ? Membro do Consello da Cultura Galega desde a súa fundación. Actualmente exerce a representación da Real Academia Galega. ? Membro numerario do Instituto José Cornide. ? Membro da primeira Directiva do Padroado de Rosalía de Castro na súa nova andaina. ? Membro correspondente da Real Academia de Historia.
359 Nº 363