BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
EXILIO INTERIOR Na familia só houbo un exiliado ?Xerardo? pero os que aquí quedaron sufriron un terrible exilio interior que durou máis de tres décadas. Da volta de Xerardo quedoume gravada unha escena que levarei sempre na memoria: estaba eu no despacho, o despacho que fora do seu pai, da miña casa da rúa da Oliva e chamaron á porta. Alguén abre e, pouco a pouco, vaise abrindo tamén a porta do despacho, aparecendo Xerardo inmóbil, mudando de cor de branca a encarnada, quere falar e non pode ata que despois duns segundos que me pareceron eternos, rompe a chorar. Ese mesmo día, pola noite, eu tiven que cargar cun colchón ó lombo e atravesar Pontevedra para levarllo ó calabozo do goberno civil e que non durmira nos ferros do catre. Era o ano de 1961. Como consecuencia da detención, déronlle 24 horas para abandonar o país, prazo que se prorrogou un par de veces, pero que ó final o obrigou a exiliarse de novo. PERSECUCIÓN E RESISTENCIA Remata a guerra e dá comezo a persecución contra os da cáscara amarga. Aínda así, no mes de xaneiro do 37 Darío Álvarez Blázquez xógase a vida certificando o embarazo dunha condenada a morte, mestra, á que lle asasinaran o home, mestre tamén, en Mondariz. A finais de xaneiro conmutáronlle a pena por cadea perpetua. Darío ten que simular un aborto con materiais que leva no maletín. A mestra non recupera a liberdade ata 1944, chámase Josefa García Segret. En xullo de 1940 o Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas instrúe o expediente contra Alexandre Bóveda Iglesias e, despois de recoller nos seus resultandos que foi condenado a morte e executado, que deixa muller e cinco fillos pequenos e que o valor da súa herdanza é de 480 pesetas, sentenza que debe impoñer unha sanción de 250 pesetas con cargo ó caudal hereditario. Este Tribunal non era un consello de guerra sumarísimo, os compoñentes non eran militares, eran xuíces e, aínda así, pronuncian, mandan e asinan a sentenza. Preside Eduardo Martínez Nieto e, como vogais, Marcial del Río y Díaz e José Antonio Quiroga e Martínez de Pisón. No ano 1941 chega a Pontevedra Celso García de la Riega Álvarez despois de pasar dous anos nas cadeas de Carabanchel e Alcalá. Botou toda a guerra xunto con Borobó, e xuntos tamén os anos de cadea. Nada máis chegar, méteno no cuartel e fanlle cumprir o servizo militar durante tres longos anos, nos que foi perseguido e castigado constantemente. A meu pai, Emilio Álvarez Gallego, que exercía o periodismo, bótano da axencia de noticias e dun periódico de Madrid porque non informou con suficiente entusiasmo sobre unha visita de Franco a Pontevedra. Prohíbenlle tamén a entrada na Delegación de Educación, necesaria para facer o seu traballo. Morre en 1954 ós 52 anos. Quedoume
Nº 369 64