Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
A DESFEITA Pero, mentres tanto, a besta sanguiñenta estaba no tobo e era mantida, e ben mantida, polos fascistas, polo exército e pola igrexa. No ano 36 sae do tobo, sedenta de sangue e arremete contra todo aquilo que no país era progreso, cultura, tolerancia... ¡¡abaixo a intelixencia, dicían!! Prenderon a Darío Álvarez Limeses e tamén ó home da súa sobriña, Alexandre Bóveda, destacadísimo dirixente do Partido Galeguista no que case todos militaban. Na vella casa da rúa da Oliva, en Pontevedra, onde eu vivín ata os vinte e tantos anos, había un grande arquivo que viña desde Gregorio Álvarez González e que chega ata os Álvarez Gallego, centos de carpetas con documentos, orixinais de obras, correspondencia, periódicos, revistas, gardaban todo. A casa ardeu no ano 75 e desapareceu case todo. Había unha carta de Darío Álvarez Blázquez ó seu tío Xerardo, e que eu tiven na man que, a primeira vez que a lin, deixoume abraiado, porque poñía ?saludo a francoprimer año triunfal?. Non tardei en saber o motivo: abríanas todas e as que non levaban esas dúas frases non pasaban a censura. Na carta comentaba a prisión do seu pai e mais de Alexandre. Á detención do seu pai non lle daba importancia, porque, tal como era o pai, parecíalle imposible que lle pasase algo malo. De Bóveda dicía que, aínda que tiña unha gran significación política, tampouco fixera nada que xustificase calquera tipo de condena. Xa sabedes o que pasou? Caeu a noite. Pero a noite, aínda que longa e negra, non era de pedra, estaba chea de bestas asasinas que tiñan sede de sangue e encheron os camposantos, os montes e as cunetas de mortos. Na familia quedaron máis de vinte orfos, porque Xosé Álvarez Limeses foi despedir a Bóveda a derradeira noite, o 16 de agosto, chegou chorando á casa, meteuse na cama e morreu ós poucos días. E non estaba enfermo. Emilio Álvarez Gallego foi suspendido de emprego e soldo, era mestre, e despois desterrado a Cáceres. Na mesma folla do Boletín Oficial sae tamén a orde de desterro a Coreses de Xosé María Álvarez Blázquez. Xerardo Álvarez Gallego ten que fuxir. A historia que me contaron na casa é a que segue: Xerardo estaba nunha lista para pasear. Esta lista mirouna un amigo militar do que non quero dicir o nome porque non quero darlle ningún mérito (porque se estaba no allo da lista igual tamén estaba no allo do gatillo) e riscou o nome de Xerardo, avisándoo de que fuxira. Marchou para Portugal, de onde tivo que volver escapando da policía portuguesa. Ó final, axudouno un amigo de Pontevedra que lle chamaban de alcume ?Pepito negocios?, quen lle facilitou unha pasaxe para un barco inglés que saía da Coruña cara a Cuba. Antes de fuxir, redactou as defensas de Bóveda e de Darío, que de nada serviron.
63
Nº 369