DON XAQUÍN LORENZO FERNÁNDEZ, ARQUEÓLOGO E ETNÓGRAFO AO SERVIZO DA IDENTIDADE GALEGA Xosé Manuel González Reboredo
Na década dos anos vinte deste pasado século, a un rapaz nacido en Ourense, mais coñecedor do mundo rural de Lobeira, ocorréuselle realizar unha maqueta do carro de bois e recoller os nomes dos seus compoñentes. A fortuna asociouse con esta curiosidade xuvenil, e puido ensinarlle o seu carriño a Florentino Cuevillas, que estaba a cobrar fama como investigador da nosa prehistoria. Era Cuevillas un mestre disposto a fomentar vocacións no estudo da realidade cultural galega, e decidiu orientar a aquel mozo para que afondase neste elemento da tecnoloxía rural. Así naceu o etnógrafo don Xaquín Lorenzo Fernández, case dúas décadas despois de ver a luz dos humanos como froito do matrimonio formado por Xosé Lorenzo Álvarez e Xaquina Fernández Barcia. Os contactos iniciais con Cuevillas continuarán no futuro, ampliados a Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo. Malia incursións illadas noutros asuntos, e malia a súa colaboración en diversas iniciativas culturais, este galego agora homenaxeado pola Real Academia Galega, membro desta corporación desde o ano 1951, e tamén docente ao longo de varias décadas, considerouse sempre un etnógrafo e arqueólogo, combinación de dúas pólas dos estudos humanísticos baseada nun principio moi espallado por toda Europa no seu tempo, o de que os sectores rurais das sociedades complexas poden manter supervivencias de tempos idos, ás veces daquelas remotas idades nas que se iniciou a configuración dun Volksgeist ou espírito peculiar dos pobos. Unha longa tradición iniciada no século XIX á sombra do romanticismo, e logo continuada polo evolucionismo e difusionismo sociocultural e polos estudos de Folklore, elevou estas camadas populares, con cultura en gran parte oral, á categoría de ?pobo auténtico?, a depositarias dunhas tradicións que permiten dotar de singularidade as sociedades europeas que estaban sendo sometidas a unha primeira globalización tecnolóxica. Non é por iso de estrañar que en todo o mundo occidental xurdise, a carón dunha curiosidade polas culturas dos pobos exóticos, un interese pola recollida e valoración das prácticas populares. Os estudos da Volkskunde en Alemaña, ou os iniciados pola Folklore Society londiniense, ou os emprendidos por Sébillot en Francia, Pittré en Italia, Teófilo Braga, Coelho ou Leite de Vasconcelos no irmán Portugal, son boa mostra desta tendencia, a cal contaba na nosa terra, á altura dos tempos de don Xaquín, con antecedentes na obra de Manuel Murguía, ou nos datos recompilados pola sociedade ?El Folklore Gallego?.
245 Nº 365