BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Lorenzo Varela
tadas obras. Con todo, a definición e as características de estilo que Abel López Rodríguez, o tradutor ao galego de Jonathan Swift, expón no limiar de Ensaios, sátiras e aforismos cadran coa fasquía do escrito por Varela en 'Premáticas y desahogos'. Swift posuía, a dicir de López Rodríguez, unha ?intelixencia escintilante, unha ironía e un sarcasmo insuperables e un racionalismo e sentido común baseados nunha moi sólida formación clásica [...]?. A afirmación de Seoane a pé feito de Jonathan Swift e a súa pegada nas premáticas e desafogos de Lorenzo Varela está fundamentada. Mais, fóra d'As viaxes de Gulliver e por mor da escaseza de traducións, é probábel que Seoane e Varela, que manexaban o francés, o galego e o portugués, ou o castelán, descoñecesen a obra aforística de Swift. A inspiración inmediata da pluma de Varela, á hora de se afiar contra a repugnancia, literaria e non, do seu tempo, áchase máis ben en José Bergamín e, sobre todo, en Antonio Machado. Como axeitadamente indica María Antonia Pérez Rodríguez, resulta ?doado constatar que subxacentes baixo as sentencias ou aforismos de 'Premáticas y desahogos', en ocasións bastante corrosivas e sarcásticas, están as 'ensinanzas de Juan de Mirena'[...]?24. Se José Bergamín é o compañeiro de xeración de Lorenzo Varela, presidente executivo da Alianza de Intelectuais Antifascistas a proposta do propio Varela25, Antonio Machado é o patrón ético polo que se miden todos os escritores que pelexan contra o fascismo español. A presenza de Antonio Machado como símbolo aglutinador das forzas da esquerda, cortés co marxismo aínda que non marxista26, até o derradeiro folgo comprometido coa causa da República, pairaba sobre os homes e mulleres intelectuais do 36. Alén do exemplo político de Machado, Antonio, ficaban os heterónimos do poeta sevillano. Abel Martín e Juan de Mairena armaron os personaxes máis elaborados por Machado. Pero sobre todo Mairena anda na pluma de Varela cando este desata a sorna, a palabra corrosiva, a sentenza equilibrada, o paradoxo revelador, nas 'Premáticas y desahogos' do Correo Literario. O prototipo do humanista total que buscaba tamén Varela: ?Nadie es más que nadie. Por mucho que valga un hombre nunca tendrá un valor más alto que el de ser hombre?27. Nas ansias didácticas, proselitistas, preséntase igualmente a sombra de don Antonio Machado, aquel que quixo que a súa pluma valese o que a pistola de Enrique Líster. Publicado en volume contra 1936, Juan de Mairena serviu de texto de cabeceira para todo un monllo de xentes embarcados na tarefa cultural. E velaí que traballaba un Lorenzo Varela inserido e incorporado de cheo no campo cultural, artístico e literario español. O PSEUDÓNIMO ENTREMETIDO: COJUELO A sección 'Premáticas y desahogos' aparece durante os doce primeiros números de Correo Literario, os que saen á luz entre o 15 de novembro de 1943 e o primeiro de maio do ano seguinte. 'Premáticas y desahogos' publícase sen sinatura en nove ocasións. As
Nº 366 52