HISTORIA POSTAL TUDENSE Ernesto Iglesias Almeida
Cronista Oficial da Cidade de Tui
Posto que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas ao ilustre tudense, e amigo da nosa familia naqueles anos tudenses, don Xosé María Álvarez Blázquez polo seu amplo labor en pro da cultura galega, hoxe vou tratar sobre un deses aspectos que el tamén o fixo, refírome ao da Filatelia, do cal temos unha curiosa obra que foi pioneira no seu tempo sobre este tema. Trátase do libro, feito conxuntamente co filatelista vigués don Manuel Lago Martínez, Presencia de Galicia en los sellos, saído do prelo en Vigo no ano 1965. Desde que existiron organizacións gobernamentais, para o seu bo funcionamento, tiveron necesidade de comunicarse cos diferentes puntos da súa administración e para iso tiveron que crear os correos. Tui, como camiño obrigado entre o norte e o sur da Gallaecia, importante núcleo de poboación polo que pasaba a vía XIX, do emperador Constantino unindo as capitais de Braga coa de Lugo, xa desde estes tempos dos Romanos deberon existir correos oficiais. Para non arredarnos demasiado no tempo centraremos este noso traballo nas citas históricas onde, con toda seguridade, sabemos da existencia dos correos na cidade de Tui. Non se ten constancia da data do ordenamento postal de España, ou sexa desde que os correos estiveron a disposición de todo tipo de xentes. As primeiras marcas postais de orixe coñecidas en Galicia, unhas letras Gª, parecen datar do ano 1728. A primeira cita tudense dos correos remóntase ao ano 1681, nunha das actas da Xunta do Reino de Galicia1, nas que o deputado de Tui, Ponce de León, declaraba nunha carta que acusaba recibo doutra que á súa cidade lle mandaran por man dunha tal Rosa no correo que pasaba por Baiona. Do 12 de xaneiro de 1754 é unha carta da cidade de Tui dirixida ao Alcalde Maior da Audiencia da Coruña, quexábanse de que o correo se detivese nas cidades tan pouco tempo, ¡soamente seis horas! Na resposta do 9 de febreiro indicábaselle que a queixa fora trasladada ao administrador Xeral de Correos, morador en Santiago de Compostela, don Xoán Francisco de Ence y San Pedro, o cal deu resposta á súa vez o 12 de febreiro, dicindo que as poucas horas que lles reservaban aos de Tui para contestar as cartas recibidas de cada valixa dependía da irregularidade no andar dos correos debido ás inclemencias
149 Nº 369