BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
O estoupido da Guerra Civil trouxo á vida de Xosé María e á súa familia a moura e permanente sombra da traxedia, coma a tantas outras xentes... A resistencia de Tui ao Alzamento militar, dirixida por un Comité de Defensa da República do que forma parte o seu pai, só logra ser vencida o 26 de xullo comezando daquela unha terrible represión dos afectos á causa republicana. Darío Álvarez Limeses ingresa en prisión o mesmo 26 de xullo. O sufrimento e a dor da familia, e especialmente de Xosé María, aumenta grandemente cando saben a nova do asasinato do seu querido Alexandre Bóveda en agosto. Álvarez Limeses é sometido a un consello de guerra e é condenado a morte por ter prestado unha ?plena y prefecta adhesión entusiasta y voluntaria a la rebelión militar comunista en España por los partidos políticos del Frente Popular?. A sentenza foi executada o 30 de outubro de 1936 e D. Darío morre fusilado, na Alameda tudense, xunto a outros cinco compañeiros: o médico Alejo Díz Jurado, o industrial Serafín Fernández Costas, o seu fillo Julio Fernández Fernández, Juan Felipe Muñoz e Manuel Domínguez León. Hoxe un monumento do escultor Silverio Rivas testemuña perennemente a memoria dos que sufriron a represión. En novembro de 1936 é mobilizado e debe incorporarse ao servizo militar, que cumprirá ao longo de tres anos, sendo destinado aos servizos auxiliares de Intendencia (pois tiña librado do servizo militar por padecer miopía) no hospital militar de San Caetano, en Santiago de Compostela, onde primeiro traballa nunha oficina para continuar logo como enfermeiro, onde aplicaría os coñecementos logrados na clínica paterna. Pola súa banda, o seu irmá Celso foi á fronte de Asturias, onde enfermará, polas condicións nas que vivían, dunha tuberculose pulmonar que o levará á morte en 1941. Paralelamente, Xosé María é sometido a un expediente depurador como mestre. Formúlanlle cargos por: militancia en organizacións afectas á República, nacionalista/separatista e actitudes contrarias á ?Causa Nacional?. Aínda que un primeiro expediente parece paralizado polos informes positivos do reitor da Universidade de Santiago (onde se matriculara por libre en Filosofía e Letras en 1936, aínda que logo non se presentará aos exames de xuño nin de setembro, será en xuño de 1939 cando aprobe as materias do primeiro curso sen que posteriormente continúe os estudos universitarios), en decembro de 1936 resólvese o expediente depurador: suspensión temporal de emprego e soldo por seis meses, traslado fóra da rexión e inhabilitación para o desempeño de cargos directivos. Cando no 19391940 se incorpore de novo ao maxisterio non poderá ocupar a praza que lle correspondía, dende 1936, en Coia (Vigo) e é desterrado como mestre ao pobo de Coreses (Zamora). A traxedia familiar, incrementada coa morte de Celso, vai acompañada dun ambiente certamente duro que nunha pequena cidade coma Tui resulta especialmente opresivo; mesmo a familia será sancionada cunha multa de 2.500 pesetas (unha fortuna daquela) por ter falado mal do ?Glorioso Alzamiento Nacional?. A familia vive dos ingresos de Darío, o fillo maior, médico en exercicio dende 1932, casado coa tudense Carmiña Gándara. Este trasladarase a Vigo onde monta unha pequena clínica e leva consigo á súa
Nº 369 234