BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Vida oficial da RAG
lidera o rexurdir das letras galegas contemporáneas despois da guerra civil, o que o profesor Xesús Alonso Montero ten denominado nalgunha ocasión ?segundo rexurdimento?. É unha fotografía que en si mesma merece un ensaio. Ramón Piñeiro, apoiado tamén nun caxato, ocupa a posición máis elevada, aínda que lixeiramente retirado, detrás de Ánxel Fole, que ten unha cabicha na boca e introduce a man por dentro da chaqueta. A ollada de Fole, coa perna dereita dobrada contra o lado esquerdo, é a máis retranqueira. A dos outros catro é unha ollada directa. Celestino Fernández de la Vega (O segredo do humor, 1963) está no medio. Dos cinco, Fole é o único que leva garabata, aínda que co colo da camisa tamén desabotoado. Representa a ficción literaria. Xunto con Eduardo Blanco Amor (A esmorga, 1959) e Álvaro Cunqueiro (Merlín e familia, 1955), configuran a trepia do rexurdimento literario da posguerra. Os outros catro son o ensaio, o pensamento, xénero no que sobrancea o grupo e que inspira a estratexia de Galaxia, que se constituíira en Compostela o 25 de xullo de 1950 cunha decidida vocación de intervención cultural (tamén política, cando menos indirectamente) a prol da lingua e a recuperación da dignidade intelectual de Galicia. Por aquelas datas (1963) iniciaba a súa andaina a revista Grial, proxecto especialmente querido polo grupo, que tivera dificultades nunha primeira etapa. Para completar o núcleo inicial de ensaístas, que Ramón Piñeiro animaba e en certo modo orientaba, cumpriría engadir (ausentes na foto) a Rof Carballo (Mito e realidade da terra nai, 1957) e a Xaime Isla Couto. Foi Francisco Fernández del Riego quen puxo en relación a Ramón Piñeiro e a Domingo GarcíaSabell. Seica dende o primeiro momento se produciu unha forte atracción intelectual entre eles, fundamentada na admiración e no mutuo respeto, que co tempo frutificaría nunha inquebrantable amizade. Piñeiro introduce a GarcíaSabell no círculo de Galaxia (ata o punto de que á morte de Ramón Otero Pedrayo, primeiro presidente da editora, GarcíaSabell ocupa o seu lugar na presidencia) e, por extensión, no galeguismo cultural. Tamén na escrita en galego. Os primeiros textos de GarcíaSabell nesta lingua aparecen nas páxinas de Grial. A personalidade de Domingo GarcíaSabell ten catro dimensións cando menos: 1. a profesional, como médico, formado en Alemaña e no pensamento da Escola de Heidelberg, a escola que, segundo Carlos Leira, introduce na medicina o concepto de persoa: o suxeito psíquico do paciente na Patoloxía (a chamada Patoloxía Psicosomática); 2. a dimensión humana e de anfitrión cultural, que con tanto afecto e admiración lembran algúns membros das novas xeracións que se incorporan á vida estudantil compostelá nos anos 50 e 60, e que tiñan na casa do doutor GarcíaSabell e da súa dona Elena un punto de referencia e un extraordinario lugar de encontros e descubrimentos (entre outros a posibilidade de coñecemento e visita de personalidades sobranceiras como Américo Castro, Rodrigues Lapa, Zubiri, Laín Entralgo, Aranguren, Julián Marías...); 3. a dimensión institucional e política, animador no seu momento do grupo Realidade Galega, o que o levou a aceptar cargos a condición de senador por designación real nas Cortes
Nº 365 312