BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos e investigación sobre outros temas
testa pola corrupción e desgoberno que hai na vila, onde as forzas vivas traballan só no seu propio proveito, esquilman os seus gobernados, son cobizosos e consentidores de tódalas tropelías, non miran pola boa regulación do comercio nin pola moral nin pola educación dos rapaces, exportan medios de subsistencia vitais para o pobo, etc.; critícase tamén que os distintos sectores artesanais e profesionais aproveiten esta situación de extrema necesidade do pobo, representado polos dous labradores, para se enriqueceren. O diálogo remata coa reanudación do camiño cara á aldea, a tempo de faceren a cea, e coa despedida do público, «queday con muy boa estrea». Dise con frecuencia que a literatura galega da Idade Moderna non é do tipo de literatura que se escribe, en clara alusión a que se segue producindo literatura popular de tradición oral. A nosa peza, e outras do seu xénero que seguramente existiron, permite matizala afirmación anterior, no sentido de que se produce un tipo de literatura que se escribe pero non se imprime, a peza teatral seguramente destinada a unha única representación4. En canto á súa forma métrica, está escrito en quintillas co primeiro verso de pé quebrado, en rima consoante 4a8a8b8b8a, unha das estrofas preferidas do tradicionalista Castillejo, ó que secundaron ocasionalmente Lope de Rueda e Torres Naharro (Navarro Tomás 1972: 217); a diferencia é que o noso autor anónimo comeza deste xeito xa desde a primeira estrofa (aabbaccddc, etc.), en tanto que os anteriores parten dunha redondilla (abbaccddceeffe, etc.). En cambio, as estrofas das cántigas iniciais son sextillas correlativas cos versos 3 e 6 quebrados, 8a8b4c8a8b4c, ó estilo das coplas manriqueñas5. O uso de dous tipos ben diferenciados segundo as partes do texto e a escolla efectuada para cada un deles comportan non só que o autor ten práctica e pericia na arte de versificar, un tanto conservadora, senón tamén que actúa con pretensións de certa altura. O feito de usar rima consoante implica un maior grao de elaboración e, na época, o desexo de fuxir da consideración de poeta pobre en recursos, o que non lle impide botar man de palabras homónimas, co mesmo ou similar significado (penapena, lagumeiroslacoeiroslacoeiros, mirantirantiran), de rimas consoantes simuladas (vid. infra, para a rima das vocais medias), de rimas consoantes imperfectas (vilaCastillamarabilla, justiçiarissacobiza) ou de falsas rimas (por eco: canibelaleba)6. Tódolos versos quebrados son tetrasílabos, incluso os que comezan por vocal despois doutro rematado en vocal, mais en tódolos casos hai unha pausa maior ou menor que impide a sinalefa, marcada por nós coa puntuación na edición do texto: «según a boz que lebanta. / En berdade», «ou peón de Cotobade. / ¡Ay Jesú[s]!», «e diante va tronpeta. / Acá, fillo» (o cambio de personaxe tamén a impediría), «ladróns de sacos de millo, / vn reyxelo». Agora ben, tamén son tetrasílabos os que seguen a verso rematado en sílaba aguda, que segundo as convencións do século anterior deberían ser pentasílabos (Correas, apud Díez Echarri: 209210), un uso atribuíble ou á ignorancia das regras métricas da época precedente ou ó desleixo pola compensación existente no s. XVI (Navarro Tomás
Nº 363 242