BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre María Mariño
a vida propia; no seu espello, aqueles que posúen a cultura do natural apréndense e atopan, quizais, o camiño da aceptación do devir humano. Nos textos de María Mariño asistimos á evolución da relación tecida entre a muller e a natureza a través da palabra poética. Unha poesía que parte sempre da experiencia, dende a intimidade da nena coa árbore da infancia3 ata a identificación da adulta coa vida que latexa na folla seca4. Integrada na natureza, formando parte dela, a voz entende e transcende; o outono revélase primavera e a árbore onda dun seu mar. A memoria persoal accede así á memoria do mundo, e na fonda compresión do tempo do mito e da viaxe da raiceira, a poeta sabe e camiña ?a paso limpo? (Mariño 1994: 209). OLLAR DE RÍA Na primeira parte de Palabra no Tempo5 aparecen xa os elementos esenciais da sensibilidade fragosa de María Mariño; pódese mesmo afirmar que o resto da obra non achega senón variacións con respecto a un motivo poético xa fixado, maduro pois, dende estes poemas iniciais. A presenza arbórea, explícita nas prosas e poemas que conforman Más allá del tiempo (2007)6, é menos evidente en Verba que comenza (1990)7, onde árbores e bosques semellan introducirse no poemario ao ritmo marcado polas ondas do mar, decote vencellados á súa evocación. Da beiramar á montaña, dúas son as imaxes arbóreas que con máis forza se afirman nos textos: os piñeirais costeiros e os soutos de montaña, imaxes certamente inspiradas na vivencia dos piñeiros da ría de Noia e dos castiñeiros do Courel. No bosque de sentidos trazado nos poemas, o pino e o ?ensaio perene? do pinar (Mariño 1994: 187) semellan encarnar un tempo pasado vivido en plenitude, a Noia da infancia e da adolescencia nos seus ?sendeiros esvaradizos? de pinocha (Mariño 1994: 187), as lembranzas de romarías e solpores na ría, a presenza sempre viva da nai. Na palabra de María Mariño, extremadamente sensorial, dicir piñeiro é dicir olor; nos poemas son inseparables o piñeiral e o seu recender, esa mestura de resina e de picaños que vive nela, que transcendeu, alén do tempo:
(...) ¡Atopechei, miña nai! ¡Atopechei! Na escaleiriña de pedra, no recendo do pinar, (...) (MARIÑO 1994: 65) (...) Os pinares eran voz; seus picaños arrecendían ó tempo. (...) (Mariño 1994: 71)
Nº 368
68