BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Lorenzo Varela no Día das Letras Galegas
maio de 1947 e novembro de 1948. Neste libro, con colaboracións de Alberti e González Tuñón, nótase tamén a presenza anónima de Lorenzo Varela. Os poemas de Lonxe, titulados ?Manuel Ponte? e ?Manuela Sánchez?, máis que prantos elexíacos, queren dar fe, seguindo a liña testemuñal de Ruy Xordo e María Pita, de que a loita é importante e de que a valentía tamén é unha patria, como defendía o seu noutra época admirado Malraux. Seguen, como vemos no poemario Lonxe as liñas esenciais da poética de Lorenzo Varela: o pobo, sempre presente, como fundamento e como protagonista, os valores éticos e morais que avalan a universalidade do seu pensamento que toman encarnadura nos seus heroes: Ponte e Manuela Sánchez nesta ocasión. Non deixa que as abstraccións metafísicas, as angustias persoais invadan o poemario, que ten vontade de reflectir o presente histórico e, tamén, ser mensaxeiro da súa vontade de regreso á terra. O 17 de maio do ano pasado, case que á mesma hora na que estamos aquí convocados, un ilustre membro desta institución, escribíalle unha carta a Xaquín Lorenzo, Xocas, o persoeiro homenaxeado naquela data sinalada. Hoxe, contando co citado precedente como auctoritas, quero, para rematar, acolléndome á protección do máis utilitario e democrático dos xéneros escritos, dirixir unha carta ó poeta desterrado. En Galicia, terra de ausencias, a carta, coa súa humilde retórica de aproximación, tan en desuso nos nosos días, sempre foi unha canción de esperanza para os ausentes, para os desacougados e ata para os esquecidos. Esta miña carta aínda que privada non ten vocación de solitaria, quere ser compartida e convivida, como diría Salinas. Axeitada, xa que logo, para este meu colofón. Benquerido e admirado Lorenzo Varela: Mandáchesnos hai tempo, de moi lonxe, unha mensaxe algo enigmática e misteriosa. Sabemos agora que era un SOS, unha chamada de Socorro en clave poética. Falábasnos con acento manuelantoniano de ?soedades que veñen de tan lonxe como as horas d'o reloxe?. Estamos aquí para testificar que a túa azarosa mensaxe embotellada chegou a esta nosa ribeira, e chegou milagrosamente a Monterroso, Miño arriba, cunha demora que necesariamente adiou tamén a nosa resposta. Soubemos por ela que non tiveches a sombra consoladora da árbore e da casa protectoras e que en máis dunha ocasión estiveches ó abeiro da sombra da derrota. Aínda así constatamos que escribiches moitos versos a golpe de corazón consciente de que escribir poesía é devolver ao pasado o seu arrecendo, é coma intercambiar mensaxes que é preciso recoller aínda que limiten co misterio. Na túa poesía, lonxe, está presente Galicia, a mellor Galicia, a que todos queremos, a que todos levamos no corazón, aínda que sexa distinta en cada un de nós. Todos cabemos nesta terra xenerosa. Este acto onde hai xente de Galicia de toda condición mesturada entre os teus veciños de Monterroso é un acto sinxelo pero meditado e pensado para darche a acollida que mereces e desexar que quedes para sempre protexido pola sombra protectora do noso muíño de pan, do noso piñeiral e do noso lar. Moitas grazas.
Nº 366 212