Alocucións académicas sobre Lorenzo Varela no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
das súas patrias respectivas. Pois ben o poemario de Lorenzo Varela quere establecer un diálogo co seu país e coas súas xentes. Quere verse restituído á terra da que foi expulsado. Para anoarse á patria Lorenzo Varela, aínda que non renuncia ao anovamento da poesía galega, como veremos máis adiante, introduce certos temas transcendentes que empatan cos poetas do Rexurdimento, construtores da arquitectura da nosa lírica máis sólida e apeñascada, como gustaba de dicir o poeta de Monterroso. O rescate dos poetas do rexurdimento, significa espertar o espírito reivindicativo, que supón tamén reivindicar o protagonismo do pobo. Este espírito reivindicativo enlaza coa súa concepción neorromántica do carácter popular da cultura. Xa non é o pobo como depositario da mesma, senón o pobo como crisol da cultura. O tema da emigración é un dos fíos condutores da nosa mellor poesía, e acadou canonización da pluma de dous dos nosos máximos poetas, Rosalía e Curros Enríquez. Lorenzo Varela no seu poema así titulado, Emigrante, enlaza, xa que logo, cunha tradición protectora sen renunciar á súa singularidade poética. Sempre admirou Lorenzo Varela a capacidade dos poetas do Rexurdimento para facer súas as angustias do pobo, as angustias colectivas, nun momento no que moitos poetas galegos mozos practican un verso persoal de raíz existencial e rilkeana, afastados de todo compromiso. Non renuncia Varela neste poema da ausencia a unha reflexión sobre a identidade do desterrado cunha serie de interrogacións que rematan cunha evocación da terra representada no muíño, no piñeiral e no lar, ámbitos colonizados e humanizados na mellor poesía galega. Conecta Lorenzo Varela cun tema fundacional pero non renuncia á súa visión de exiliado sobre o problema do desterro. O mesmo fin e transcendencia temática ten o poema de Lonxe titulado ?Dolmen?, canonizado neste caso por Pondal e tamén cultivado pola nosa tradición. O dolmen, ademais de ser un espazo diferenciador nos inicios da nosa historiografía, representa a confluencia dos tempos pasados e dos tempos actuais, unha sacralización rodeada de lendas e crenzas populares, outro dos eixes da poética de Lorenzo Varela. Non falta en Lonxe a presenza do pobo, a frescura popular que rompe a cantar na Romería da vida ou na doce e aceirada cidade que é o Lugo da súa adolescencia. Pero este diálogo coa nosa tradición poética a través de temas fundacionais e iniciáticos preséntase asociado ao desexo de esencializar e humanizar a historia nos poemas dedicados a Manuel Ponte e Manuela Sánchez. A falta dunha terra de acollida Lorenzo Varela sempre quixo encarnar os valores éticos e morais en homes e mulleres que representan a súa idea da loita para acadar a xustiza. Non son os valores amurallados en recintos pétreos doutras épocas, son homes e mulleres elevados á categoría do mito a través dunha morte heroica. No ano 1949 publícase en Buenos Aires o libro Héroes de Galicia y de España onde se debuxan as biografías heroicas de José Gómez Gayoso, Antonio Seoane, Manuel Ponte, Manuela Sánchez e Segundo Vilaboy, executados ou mortos en combates entre
211 Nº 366