BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
Os héroes, os grandes homes que son merecentes dunha lembranza agarimosa dos pobos, os que deberan ter moimentos, mais que grabados en mármore e bronces, escritos no máis agachado do noso corazón, son aqueles mártires que, respondendo a un sentimento de libertade, loitan e morren por tronzar os grilóns que os déspotas de todos os tempos puxeron aos seus semellantes; os que morren por arrecadar a personalidade das entidades étnicas que non teñen a vida que por lei da natureza deberan ter.
E remata retadora pouco despois, en 1899, cando xa se tiña cuberto o presuposto do monumento:
Nin a cobiza dos desleigados que, finxindo amor ao rexionalismo son os seus máis perigrosos enemigos, nin os amantes das vellas theogonías, para os que a palabra libertade é a máis despreciabre, puideron faceren fracasalo pensamento nobre, patriótico e cristiano de erguer un moimento aos Mártires de Carral. Os hipócritas contaban coa indiferenza do pobo para que a suscrición fose un fracaso; e nós tiñamos fe nos sentimentos dos bos gallegos que gardan no máis fondo do seu corazón o deseo de vela patria libre, felis e limpa de esas xentes que soñan aínda en faceren que volvan aqueles tempos que son vergonza da nosa historia. A xustiza trunfou, e Galicia logo fará afeutivo un tributo que as Cortes hespañolas non pagaron porque tratábase dunha deuda nobre e reparadora.
Estas palabras cheas de esperanza no porvir van facer un roteiro patriótico acompañando a Lugrís pola Escola de Declamación, pola Academia Galega, por Solidaridad, polas Irmandades da Fala, pola Escola Dramática Galega, polo Seminario de Estudos Galegos ata chegar no ano 1931 ao Partido Galeguista, no que figura co número un na lista de afiliados, en acta redactada polo propio Castelao en Pontevedra. O rianxeiro xa o tiña acompañado noutras moitas batallas, mesmo na loita anticaciquil, figurando os dous entre os colaboradores de El Barbero Municipal, publicación na que mostra as súas primeiras armas gráficas Castelao; coa bandeira das Irmandades participa Lugrís nunha homenaxe ao de Rianxo en 1932; se Castelao saúda o noso escritor en 1923 no Seminario de Estudos Galegos, este recibirao como presidente da Academia en 1934. Non deixou de saudar con entusiasmo Lugrís a chegada da República e tamén participou na redacción do Estatuto de Autonomía. Estivo en todas as loitas. Sempre consciente da necesidade de crear espazos para a memoria. Moitas grazas, Sr. Presidente.
NOTAS
1 Lugrís Freire, Manuel (1894): Soidades. Versos en gallego con un prólogo de Curros Enríque. A Habana: Imp. Avisador Comercial, 6267. Todas as citas deste poemario pertencen a esta primeira edición.
Nº 367
126