BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
Cando Lugrís regresa é un home cheo de proxectos para a súa patria, asentados en dous principios básicos que sempre o acompañarán na súa andadura liberadora: por unha parte a defensa da lingua como principal sinal da identidade de Galicia e por outra, a necesidade de unión e de solidariedade para loitar con éxito pola rexeneración do país. Velaí as dúas armas esenciais coas que sempre loitará Lugrís ata a súa morte. E con elas como fardel será encarnadura das inquedanzas do seu tempo. A excepcionalidade de Lugrís non está tanto nestes principios como na teimosía con que os defendeu ao longo da súa vida. E defendeunos, nun medio culturalista, con vontade política firme. Tal foi así que aos poucos meses do seu regreso de Cuba xa está a fundar unha das primeiras sociedades galegas con vontade política. Estamos a nos referir á Liga Gallega na Cruña, que sae á vida pública en xaneiro de 1898, pero que levaba xa varios meses antes no maxín dalgúns galeguistas, encabezados polo propio Lugrís. Na primeira xunta directiva da Liga, Lugrís, como secretariocontador, asume o papel fundamental de espallar, regulamentar, establecer contactos políticos con outras asociacións, nomear delegados e ocuparse das finanzas. Tal cometido non podía exercelo D. Manuel Murguía que, como presidente honorario, estaba xa afastado da actividade política propiamente dita; nin os outros compoñentes da xunta como o presidente Salvador Golpe ou o vicepresidente Banet Fontenla. Nin tan sequera os seus contertulios da Cova Céltica se nos fiamos da documentación e do epistolario arredor desta tentativa política. Nunha carta que Lugrís escribe como secretario ao líder da Unió Catalanista, Prat de la Riva, dille o seguinte:
Otro motivo de la demora fue que para contestar a todos los puntos de su atenta comunicación es necesario, si ha de responder a sus deseos, el hacer una historia algo larga, y de ella se ha encargado nuestro Presidente Sr. Golpe, quien la tiene entre manos y no tardará en enviársela. Por ella se informará Ud. del movimiento Regionalista en Galicia; que puede decirse que hasta ahora ha sido meramente platónico, habiendo entrado por fin en nuevos derroteros gracias a nuestro esfuerzo.
Coido que son dabondo expresivas estas palabras da vontade de cambiar a ruta do Rexionalismo. Poucos meses despois, o día 12 de abril de 1898 escríbelle a Salvador Cabeza de León agradecéndolle que tivera aceptado a representación da Liga Gallega en Santiago e dille:
¿Porqué os galegos de bon corazón non hemos de organizarnos, unirnos e prepararnos para salvalo noso país? ¿Porqué a fraternidade que lonxe da patria axunta agarimosamente os esforzos dos bos galaicos non ha de sementarse aquí onde é máis mester para poñer a salvo o fogar dos nosos maores?
A vontade de unidade e a vocación política de Lugrís quedan encarnadas nunha empresa hoxe esquecida pero que tivo e segue a ter unha importancia decisiva na conNº 367 124