BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
lingua, música e cancións era o verdadeiro tesouro espiritual da nación. Con razón, a aparición dunha gramática, dunha colección de cantos populares ou dun dicionario eran un acontecemento de grande importancia política, un símbolo da independencia e da autoafirmación. De aquí que se crearan en Galicia un gran número de organizacións culturais para enfrontar ás institucións oficiais, entre elas a Universidade, que vivían alleas á realidade lingüística e cultural do país. Para consolidar un campo alternativo á cultura española, ademais de inaugurar varias organizacións educativas e teatrais, os homes da xeración de Lugrís teñen que botar man, con enorme esforzo, dunha serie de revistas e xornais nos que expresar opinións políticas moitas veces agachadas detrás dun sutil discurso literario. Isto explica o enorme protagonismo da literatura na consolidación da independencia dos pobos ao longo de todo o século XIX. A Lugrís Freire como promotor non o debemos valorar soamente pola súa obra persoal e creativa nos distintos campos polos que se adentrou, senón tamén pola cantidade e calidade de persoas que consegue mover, interesar por Galicia e traballar cunha actitude vital extraordinaria. A culminación deste proceso, despois de pasar pola faceta fundacional de revistas e polo mundo societario cubano, teremos que situala cando asume a responsabilidade de Presidente da Academia, acontecemento saudado xubilosamente desde as páxinas de El Pueblo Gallego en xuño de 1934. Pois ben, a vida e a obra de Manuel Lugrís, neste contexto fundacional e comprometido, representan unha entrega total a prol das reivindicacións de Galicia, como país con identidade propia capacitado para conquistar as súas liberdades. Para ilustrar esta faceta de loitador e promotor do noso homenaxeado, descontando que non pretendemos facer unha biografía cumprida, podemos fixarnos nalgúns aspectos que coido decisivos na vida do escritor e que teñen como eixo vertebrador os lugares e as presenzas do noso escritor. En primeiro lugar a súa etapa na emigración americana, na Habana, entre 1883 e 1896, marcará decisivamente a súa vida para sempre. Será nese afastamento compartido por milleiros de galegos onde se estimula e aviva o amor á patria, aos seus costumes e símbolos. Foi alá onde tiveron eco inmediato as propostas de rexeneración e dignificación de Galicia ata tal punto que se chegou a crear un esperanzador intercambio cultural que abriu un comercio cultural de horizontes insospeitados. Lugrís atópase na emigración cunha organización societaria solidaria, e atópase sobre todo cunha lingua, a galega, que aprende a ler e escribir. E aprender a ler ten algo de iniciación, de rito que lle vai permitir entrar en contacto coa memoria comunitaria e coñecer mellor o noso pasado común. Non nos sorprende, xa que logo, que a sociedade medieval xudía celebrara con solemnidade o ritual de aprender a ler porque certamente a lingua está no cerne dos fenómenos de identidade que lle permiten a unha persoa recoñecer que pertence a un grupo social determinado. Lugrís, desde Cuba, está moi atento a todo o que acontece en Galicia como proba o feito de que figure entre os
Nº 367 122