140
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
esforzos encamiñados á nosa renacencia cultural e política no XIX. Este feito outórgalle unha característica especial ós precursores do noso nacionalismo moderno, en contraste con outras posicións esencialistas doutras teorías do nacionalismo que emerxeron noutras nacionalidades da Península Ibérica. Certamente, neste apresurado retrato de grupo, ninguén sobrancea dun xeito especial como Manuel Martínez Murguía, e por iso chama a atención o desdebuxada que está a súa figura, o pouco lida que é a súa obra neste tempo de reedicións, comentarios e estudios, no que os traballos de calquera outro escritor de moita menor importancia foron reivindicados e comentados, ás veces ata o exceso. O feito de que Murguía escribise a case totalidade da súa obra en castelán, non desculpa este esquecemento, sobre todo se intuímos que a súa lectura e a súa achega á hora presente nos vai deparar moi gratas sorpresas. Reivindicar a Murguía e relelo en profundidade será de boa axuda para os nosos historiadores, para os nosos estudiosos da chamada teoría do nacionalismo galego, para os críticos dispostos a repensalo noso espacio cultural pero tamén (velaí o noso propósito) para os nosos escritores e críticos lectores da poesía do XIX e ?¿por que non indicalo?? dalgunhas das correntes centrais da chamada lírica moderna. Como punto de partida debemos aceptar que Manuel Murguía representa ese tipo de escritor total, tan necesarios cando se trata de definir, identificar e consolidar unha literatura. Podemos pensar que, como moitos outros escritores europeos do XIX, Murguía é un producto da Ilustración e do enciclopedismo. Dono dunha gran formación, que desenvolve en diversos eidos, esíxelle á súa tarefa intelectual responsabilidades superiores, encamiñadas a unha rexeneración colectiva. Trátase, sen dúbida, dun humanista, esa figura que parece desaloxada do escenario da actualidade. Sen embargo, o Murguía historiador non debe impedirnos enxergalo grande home de letras que había nel. Vicente Risco, que quería asemellarse a el en moitos aspectos, deixounos un retrato axustado, que representa os diversos Murguías e que imos reproducir, porque nos serve como primeira achega:
Home do seu tempo, iniciador de inquéritos, erguedor de problemas, abridor de vieiros novos, foi un polígrafo destemido que, aínda coa conciencia da esmagadora angueira que se botaba ó lombo, acometeu a novela, a poesía, a