Apéndice
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
tamén das alleas que avale co seu selo. Para garantir isto, se se tratar de publicacións non periódicas, o Plenario nomeará unha comisión avaliadora constituída non necesariamente por académicos. Un exemplar da obra deberá estar na sede da Academia durante un prazo de 15 días ó dispor de tódolos académicos, que poderán achegalas súas suxestións á comisión; se a complexidade da obra o aconsellar, o Plenario poderá establecer un prazo de exposición máis longo. A comisión emitirá un informe para que o Plenario dea, se proceder, o prace definitivo para a publicación. b) Tratándose de publicacións periódicas, todas terán un Consello de Redacción e un Comité Científico que garantirán a calidade científica de cada traballo. O Consello de Redacción estará constituído maioritariamente por académicos numerarios, que non poderán ser nunca menos de tres; o Comité Científico estará constituído por personalidades de recoñecida competencia na área de coñecemento respectiva. Os Consellos de Redacción e mailos Comités Científicos serán nomeados polo Plenario. No caso do Boletín o Consello de Redacción será a Comisión Executiva da Academia. c) As obras de carácter lingüístico que teñan repercusións normativas deberán ser refrendadas polo Plenario antes da súa publicación. A Comisión Executiva establecerá un prazo de revisión destas obras en función da súa complexidade. Artigo 46 Cando o autor dun escrito inserido nunha publicación propiedade da Academia desexe inserilo noutra publicación, mesmo se for académico, deberá solicitar previamente a autorización da Academia, quedando obrigado, en calquera caso, a facer constalo lugar e data da publicación orixinal. Artigo 47 A Academia resérvase por un ano o dereito de publicar illadamente ou en colección, segundo se crea conveniente, aquelas obras que obteñan premio nos Concursos ou Certames que ela convoque, previa corrección por parte do autor das deficiencias detectadas. O mesmo é válido para os relatorios e conferencias presentadas nas reunións científicas que ela organice. Artigo 48 Os académicos numerarios e de honra teñen dereito a un exemplar de cada unha das obras que publique a Academia. Os académicos correspondentes e o persoal adscrito á Academia terán dereito a un desconto dun 25%. Os autores dos traballos publicados pola Academia recibirán 20 exemplares da obra; no caso de obras colectivas recibirán un exemplar da obra e 20 separatas coa súa colaboración. De solicitaren máis exemplares da súa obra, facilitaránselle cun desconto do 25% do PVP. Artigo 49 O Plenario debe coñecer e autorizar previamente as actividades extraordinarias que os distintos seminarios organicen por conta propia ou en colaboración con outras entidades.
357
Nº 362