BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Lorenzo Varela
racionalizacións dos poxadores, dos coleccionistas, dos arquivistas. O surrealismo é sobre todo, e ante todo, un certo estado de espírito. Un estado de insubmisión, de negatividade, de revolta [...]?72. Ese estado de espírito, achegado ao estado romántico, conformaba o atractivo do surrealismo para Varela e Seoane. 'Premáticas y desahogos', como se pode doadamente comprobar, serve de catálogo das ocupacións culturais do maxín de Lorenzo Varela. A pintura é outro dos teclas premidas nunha sección que non deixaba tecla sen soar. ?Ese tonel de pintura que es Diego Rivera?73, Pablo Picasso74, unha ambigua ollada sobre Salvador Dalí75 ou máximas de alcance xeral76 publicáronse nas liñas aforísticas de Varela. A política, se ben en contadas ocasións, tampouco non se ausenta de 'Premáticas y desahogos'. Outra volta o 'Chamado ao lector' do primeiro número do Correo Literario, unha sorte de declaración de principios na que se afirma a vontade dos reitores da revista de loitar contra o fascismo. Así, Varela, cunha xa moi determinada orientación ideolóxica, escribe: ?No es que los ingleses odien absolutamente todo lo que flota: lo hunden por mero espíritu deportivo. Y con la misma eficacia con que los alemanes odian cuanto vive sobre la tierra. Hay sin embargo una diferencia: los ingleses se quedan solos en el mar, lo cual quiere decir que triunfan, mientras los alemanes se quedan solos en la tierra, lo cual quiere decir que fracasan?77. As raíces marxistas do pensamento de Lorenzo Varela e a militancia comunista que, daquela, aínda mantiña na Arxentina, imbúen o lene aire político de 'Premáticas y desahogos'. A civilización estadounidense, abofé, non funciona de modelo, malia a actual, naquela altura, conxuntura política: ?Así como los nazis son los inventores de la guerra relámpago porque carecían de recursos para hacer la gran guerra, la guerra clásica, los yanquis son los inventores de la novela relámpago, del cine relámpago y, en general, de la vida relámpago?78. O cinema79, que adoitaba cubrir a contracapa do Correo Literario, ou algún texto para os que xa se perderon as chaves de interpretación, por mor do seu carácter moi puntual80, completaban a amplitude horizontes da man que trazaba 'Premáticas y desahogos', nomeadamente de Lorenzo Varela. A partir do número 12 da revista, a sección deixou de se publicar. Lorenzo Varela, que como xa se dixo, aínda enxergaba a posibilidade de regreso a un lugar de nación en liberdade, recolleu outras responsabilidades dentro do Correo, entre elas a de redactar a 'Carta abierta'. A tensión creativa, a sorna impía, os ataques masivos a quen asentiu ao fascismo, das 'Premáticas y desahogos' esvaeceron no cerne do vórtice exiliado de primeira hora.
Nº 366
58