BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
6. Do prelo a lume. Edicións do texto Botaremos agora unha rápida ollada á tradición imprensa, detallando as edicións completas e procurando sinalar as fontes manuscritas en que bebe cada unha delas. Para isto último, fixámonos nalgúns dos puntos clave que levamos comentado, nos cales a tradición manuscrita máis temperá presenta diverxencias. Por razóns obvias, prestaremos atención especial ás edicións publicadas no século XIX, que son as menos coñecidas, e non reiteraremos as observacións que se foron debullando no apartado anterior. A primeira edición completa do Coloquio, sen a carta a Rávago nin o Glossario, débese a J. M. Pintos, que, como dixemos, a titulou Recopilación de muchas palabras, voces y frases de la lengua gallega44. Aínda que estamos pendentes de realizar un cotexo entre esta edición e a copia G do Museo de Pontevedra, parece evidente que esta é a fonte do texto de Pintos. O manuscrito de que parte a edición de Pintos contiña ademais do Coloquio, tamén o Comento, pois nunha breve nota introductoria, o editor refírese ó ?comento que sigue á los versos, en el cual [los lectores] podrán hallar grato recreo y muchas luces?. Pintos propúxose realizar unha modernización e regularización lingüísticas do texto, sobre todo no aspecto gráfico, con resultados desiguais, pois actuou de xeito pouco rigoroso e escasamente sistemático (pero téñase en conta que algunhas destas características poden ser herdadas de G). Así mesmo, son abundantes os erros de lectura e as grallas, e mesmo falta a copla 734 enteira. Fóra disto, sorprende da edición de Pintos a súa proximidade ó orixinal. A partir dos fenómenos que fomos sinalando nos apartados anteriores, descubrimos que o exemplar que manexou estaba claramente fóra do ramo B/F da tradición, pois non mostra rastro dos lapsus e conseguintes recreacións que caracterizan a esta, ademais de ofrecer formas como arrocheiros e memoriaes. Pero, e isto é máis rechamante, Pintos tampouco depende de D, pois le Guadalagara onde este pon Guadalaxara (470), alfergas nas dúas ocasións que D trae alferxas (576 e 589) e qu'andasen señeiros onde D escribe que andan sen señeiros (1053). É verdade que alfergas podería responder a unha conxectura do editor (nós mesmos chegaramos a esa solución antes de coñecer o autógrafo, canto máis Pintos que puido oír a expresión de viva voz), pero dificilmente este podería chegar a Guadalaxara e andasen señeiros a partir dun exemplar coas leccións de D. Máis abraiante aínda é descubrir que Pintos non depende tampouco do antecedente de D, ou sexa C, pois le correctamente ?A bondo por certo / Pantrigos è roscas? (685/686) onde este último pon ?Abondo pantrigos e roscas?, e dá punteiros onde este ofrece pandeiros (815). Coa debida cautela, pois temos pendente unha revisión coidadosa do texto desta edición e o seu cotexo con G, o devandito pode significar que este é un trasunto abondo fiel do autógrafo, e representa unha póla da tradición independente tanto de B coma de C. Á luz disto, diríase que os recentes editores críticos do Coloquio non estiveron moi atinados á hora de ignorar a edición do precusor pontevedrés.
Nº 363 108