BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
mar algunhas discusións sobre o controvertido asunto da gueada e a gheada35. Canto a nós, a consulta da Copia MedinaSidonia xa nos permitira reparar no asunto, como mostramos na edición que preparamos do Coloquio (citada máis arriba). 5.3. A copia de Álvarez Bañales ( B) e a recopia do Museo de Pontevedra ( F) Como dixemos, coñecemos unha copia do texto realizada en vida do autor, a que denominamos B, e aparece subscrita por un tal Juan Álvarez Bañales ?en Madrid a 12 de setiembre de 1771?. B, que en principio ofrece un testemuño de calidade por ser transcrición directa do orixinal, a final resulta ser unha copia un tanto deturpada, como mostran en particular os lapsus que a salfiren, e que apagan palabras e ás veces versos enteiro. Na presente panorámica procede tratar conxuntamente B e F, un manuscrito actualmente custodiado no Museo de Pontevedra, que recolle o Coloquio (non o Comento), ó que unha man anónima (probablemente a do propio responsable da copia) engadiu para 'completalo' 107 coplas apócrifas, e que ademais, no canto do extenso Comento do autor, ofrece un breve glosario, titulado ?Explicación de algunos vocablos antiguos? (fols. 47v50v)36. Contra a suposición de Axeitos, que considera que o traslado se efectuou ?ya muy entrado el siglo XIX?, as bibliotecarias do Museo de Pontevedra sitúano no século XVIII, o que en principio nos parece máis probable. Temos moi boas razóns para supoñer, con Mariño (Sarmiento 1995, 17), que F depende de xeito exclusivo, mediata ou inmediatamente, de B. É relativamente doado chegar a esta conclusión, gracias ós lapsus que antes sinalamos que caracterizan este último. Ora, o copista de F (ou dalgún exemplar que mediaría entre este e B), moito máis coidadoso ca o seu predecesor, advertiu varias das omisións que este cometera, e decidiu reparalas mediante un calafateo, ás veces asisado, noutras ocasións decididamente inventivo. Con certeza, ese mesmo pulo corrector e creativo foi o que o levou a 'completar' a peza, á que como sabemos Sarmiento non dera cabo, deixándoa abrupta e definitivamente en suspenso. No cadro anexo, detallamos as omisións de B e os calafateos de F neses lugares. Ós exemplos aí aducidos de erros conxuntivos de B e F, poderían engadirse algunhas palabras concretas que apunta Mariño (Sarmiento 1995, 17), como a reinterpretación do substantivo ?arrocheiros? (518,4) en ?cocheiros?, só en B e F. Neste senso, é especialmente interesante a variante memorias (que probablemente se lería como oxítona, memoriás, tal com grafa F), no canto de memoriaes do orixinal (reproducida como tal por C e D), onde albiscamos a forma común no galego falado do tempo para o plural das palabras agudas rematadas en al. 5.4. A copia do autógrafo ( G) de José Vicente Cousiño (?) No Museo de Pontevedra consérvase outra copia, esta completa, do Coloquio e o Comento, datada en 17 de Noviembre de 1831, e realizada, segundo Filgueira, entre 1827 e esa data. A portada deste códice reza: Recopilacion de muchas Palabras, voces y Frases de la
Nº 363 106