BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Vida oficial da RAG
Os poetas galegos contemporáneos estiveron moi presentes en non poucos números de Papeles de San Armadans (19561979), revista que Cela dirixiu cun criterio plural case insólito na primeira década da súa existencia. Papeles acolleu a voz dos exiliados, ós poetas de lingua catalana, ós poetas de lingua galega... Destes, son valiosas as páxinas, entre outras, de Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome, María del Carmen Kruckenberg e Manuel María. A revista ofrecía en edición bilingüe os poemas, un dos cales, de Celso Emilio, foi traducido ó castelán polo propio Cela. A revista tamén acolleu reseñas de libros galegos e algúns estudios literarios (X. M. Álvarez Blázquez, Fernández del Riego, Carballo Calero, González Alegre...). Así pois, Papeles de San Armadans levou a boa nova da existencia da literatura galega, naquelas datas, a ?mares nunca de antes navegados?. Foi na súa revista onde Cela se deu a coñecer como poeta en galego; de 1957 son tres poemas, un de título tan celiano como o terceiro: ?A unha rapariga garatuxeira, chamada Catuxa de Fiz, que a atopei deitada co valuro de San Martiño no picunto de Uz?. Son poemas moi de diccionario, práctica constante e intensa no labor de Cela mesmo cando escribía en castelán, a lingua na que estaba instalado vital e literariamente. A única. Cómpre aclarar que os tres poemas de 1957 figuran na antoloxía Poesía gallega contemporánea (Barcelona, Plaza y Janés, 1974), presencia imputable de cheo ó criterio excesivamente xeneroso do antólogo, Miguel González Garcés. Non temos noticia de que Cela escribise máis. En calquera caso, na Poesía completa (Círculo de Lectores, 1996), arranxada polo bibliógrafo persoal de Cela, Fernando Huarte Mortón, e prologada por José Ángel Valente, non se ofrecen outros textos galegos. Desde 1980, na prosa de Cela non escasean os textos en galego, textos moi distintos: presentación dunha mostra de Luís Seoane (1980), estudio preliminar do volume Galicia (Vigo, Ir Indo, 1990)... Son páxinas nas que, en opinión de moitos, o autor contou con colaboradores lingüísticos, colaboradores ou traductores existentes tamén na sección de La Voz de Galicia ?O can de Buridán?, e nas de El Correo Gallego ?O camaleón solteiro? e ?Latexos?. Sexa como for, Cela sempre foi moi consciente das súas limitacións no uso do galego, confesadas, máis dunha vez, en cartas a algúns amigos. Nunha, a Celso Emilio Ferreiro do 13 de xaneiro de 1957, proponlle:
¿Quieres decirme si el párrafo que más abajo te copio está en correcto gallego y en exacta ortografía? En caso contrario, ¿quieres hacerme las correcciones que estimes pertinentes?
El texto a que aludo es el siguiente:
?Eu sonlle d'a banda d'estribor d'Arosa. O meu abó viño ao país para morrer enele?. [...] Perdona la lata, pero, como gallego que se precia y que presume de serlo, no quisiera transcribirlo defectuosamente.
Nº 364
328