BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Lorenzo Varela no Día das Letras Galegas
ámbolos dous na liña da súa mellor estética civil. ¡Eran tempos aqueles moi menesterosos para a poesía, para certo tipo de poesía! Cando, dous anos despois, en 1969, publiquei en Lugo Os cen mellores poemas da lingua galega, de Lorenzo Varela, decidín escoller un poema non civil, ?Os bois?, excelso poema que pertence, como ?Compañeiros...?, ó libro Lonxe. O poeta, moi lonxe das terras de Monterroso e dos anos da súa infancia, filosofa sobre os bois, cando, na súa nenez, os contemplaba nas namelas de Fufín, de Lodoso, de Cumbraos e de Leborei. Nesta saudosa evocación é capaz de construír versos dignos das Xeórxicas de Virxilio:
¿Saben eles... [os bois] [...] ¿Que cando se recostan na friaxe do prado, alansando, semella que respiran os pulmós palpitantes dos astros?
Desde Buenos Aires, o cidadán exiliado lembra os bois da infancia neste poema que, coma tódolos de Lonxe, é poesía da saudade, sobre as súas señardades. Poesía da saudade é, tamén, cando, en dezanove versos de ouro e de tristura, convoca ós compañeiros cos que, nun tempo, formaba unha ?xuntanza?, unha ?doce? irmandade civil, rota pola dureza das horas ou pola iniquidade dos vencedores da Guerra de España, eses vencedores que, durante anos e anos, nunca se dedicaron a construíren a paz por dedicárense, só, a administraren a vitoria. Pero, aínda que tarde, aquí estamos nós, todos nós en xuntanza doce para levar á sepultura do gran Lorenzo Varela
unha cesta de pombas e mazás.
Monterroso, 17 de maio do 2005
Nº 366
220