Alocucións académicas sobre Lorenzo Varela no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
mente, unha certa dimensión política, foi escrita, polo cidadán Lorenzo Varela, para expresar a súa orfandade, a fractura que violou aquela ?xuntanza doce?, aquela fratria cívica. O poeta, elexíaco sempre, canta unha perda, canta unha saudade. O noso poeta, que non denuncia nin execra nin sequera esixe xustiza, só agarda o día en que poida levar á sepultura dos seus compañeiros
unha cesta de pombas e mazás.
É un verso digno dun corazón limpo e dun alto e orixinal poeta, verso, miñas donas e meus señores, ó que habería que dedicarlle unha sesión filolóxica enteira. Mentres non se faga, adiantemos que as mazás son os froitos nobres e fermosos da terra, dos campos, e as pombas son, ademais da beleza e da paz, as criaturas que voan a rentes das estrelas. O noso poeta, nos primeiros versos, fala de estrelas, de maxia, de misterio e da esfera sagrada da existencia, dimensións marabillosas do espírito que Lorenzo Varela e os seus compañeiros tiñan na axenda dos seus combates cando, na Guerra Civil, loitaban polo pan para todos e por un pouco de xustiza, para todos tamén. Só isto lle faltaba ó noso texto ?a percepción da maxia e do sagrado? para construír o seu autor un poema antolóxico, como antolóxico é o libro Lonxe dentro da literatura galega do século XX. *** E agora, miñas donas e meus señores, debo manifestar, no remate deste comentario, que, desde hai moitos anos, acompáñame este poema. Confeso con orgullo que son un vello compañeiro destes dezanove versos polo que teñen de lección, de rica espiritualidade e de poesía densa e conmovedora. Mellor dito, non son eu o que acompaña o poema, é el quen me acompaña a min, quen me ofrece sempre o pan ?e o compango? da súa compañía. Aló no fondo, o poema e mais eu somos compañeiros, vellos amigos. Xa aquí, teño que facer referencia a un episodio da miña biografía literaria. Desde antes de 1967, son un leal compañeiro deste maxistral poema, pero foi nese ano, en 1967, cando cometín con el unha deslealdade, que esixe, pola miña parte, unha explicación pública, quizais con intención exculpatoria. Nesta data, o ano 1967, compuxen unha antoloxía da poesía galega contemporánea que titulei Trinta anos de poesía crítica (19361966), escolma na que non me atrevín a incluír este extraordinario poema. Supuña eu que os censores do Ministerio de Información, rexido daquela por Manuel Fraga Iribarne, non ían facer a lectura lírica que veño de propoñer. Estaba convencido de que os funcionarios da Censura, condicionados polo título, percibirían o poema como un panfleto antifranquista. Baixo este fundado temor, decidín, nun momento de coraxe e de carraxe, non incorporar o meu entrañable poema á Antoloxía. Cómpre aclarar que a miña violenta decisión foi inútil, pois a publicación da Escolma, aínda sen este poema, non foi autorizada polo parnaso inquisitorial do señor Fraga Iribarne. Na Antoloxía prohibida figuraban dous poemas de Lorenzo Varela, ?A Roi Xordo? e ?Manuel Ponte?,
219 Nº 366