BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Lorenzo Varela no Día das Letras Galegas
poeta por terlle arrebatado a algúns dos seus máis entrañables compañeiros. ¿Que se pode agardar dun poema que se titula ?Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados?? ¿Que se pode agardar se temos en conta que o seu autor, Lorenzo Varela, marxista no exilio, fora un combatente, na Guerra Civil, contra a ignominia franquista? Combatera esa ignominia, na Guerra Civil, coas Armas e coas Letras, e logo, xa no desterro, coa súa brillante espada de escritor antifascista. Pois ben, composición así titulada, lonxe de ser un poema extremosamente político e militante, é un canto lírico no que o seu autor, Lorenzo Varela, conta e canta a soidade íntima e fonda do seu corazón magoado pola perda de tantos e tantos camaradas de loita e de ideais. Por certo, non lles chama camaradas, chámalles compañeiros, termo menos ocasional, palabra que contén a música moral e solidaria dos seres humanos que comparten o pan difícil de cada día ou daqueles que teñen o dereito a comeren o noso pan ó pé do lume, dun lume que é tan noso coma deles. Son, neste caso, compañeiros que loitaron polo pan ?e o compango? para todos, moitos dos cales xa desapareceron. O noso poeta, neste singular epicedio, chora a tódolos seus compañeiros: ós que foron caendo polo camiño (?morréchedes?) e ós que o ferro irado lles tronzou a vida (?matáronvos?). Así se proclama no verso 12:
Morréchedes, matáronvos, deixáronme.
As causas e os causantes de tantas mortes non o alcanzaron a el, tal como se expresa no terceiro verbo deste verso: ?deixáronme?. Lorenzo Varela deixado quedou á sorte de ter que vivir orfo de tantos compañeiros, mergullado na saudade, en baleiro grave que magoa o seu espírito. O cidadán Lorenzo Varela, erixido en poeta, non deosta ós causantes, ós verdugos de tanta orfandade: limítase a contar e a cantar a súa perda, a saudade que turba o seu corazón. ?Se canta lo que se pierde?, dixo don Antonio Machado, aquel espírito nobilísimo, aquel gran poeta. Neste poema, Lorenzo Varela canta a perda dos compañeiros cos que, no seu día, constituíu unha ?xuntanza?, unha verdadeira irmandade, unha fratria que se vencellaba ó espírito do mundo, do mundo enteiro. Xa é significativo que formule esta especie de sentimento místico ?dunha mística civil? nos dous primeiros versos, versos cos que finaliza, significativamente tamén, a composición:
¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa, de todos nós co mundo!
Así pois, o cidadán Lorenzo Varela, ó lembrar os compañeiros que foron caendo polo camiño ou que foron abatidos inicuamente, non fai, stricto sensu, un poema político, nin para denunciar o fascismo español nin para execrar as eivas morais de Franco e os seus cómplices e beneficiarios. O poema, por conseguinte, non é, en realidade, unha execratio nin tampouco unha accusatio. Trátase dunha composición que, contendo, inevitableNº 366 218