BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
pouso ideolóxico dunha proxección pública que considera preciso levar a cabo para acadar o obxecto da súa loita persoal: a dignificación de Galicia dentro do recoñecemento das súas peculiaridades e a administración dos seus recursos. En resumo: ter presenza no concurso dos pobos co nivel político preciso. E no plano persoal, albíscaselle de moi novo unha certa vocación volteriana que non pasou dun incipiente exceso de xuventude. E din del que era meticuloso, sanguíneo e na práctica un ideario federalista e, mesmo, con atisbos anarcoides. Pero polos feitos saberemos máis do home que polas definicións. É importante sinalar a súa participación no mitin celebrado o 3 de decembro de 1922 no Teatro Linares Rivas da Coruña para protestar polos lutuosos sucesos de Sobredo co gallo da folga agraria. O día 25 de xullo do 1930, acude ao acto institucional de izar a bandeira galega no balcón do Palacio Municipal da Coruña, co alcalde Sr. Asúnsolo e varios concelleiros e académicos, intervindo máis tarde, no acto patriótico que ese día se celebra no Circo de Artesáns, cunha acendida disertación que levantou dos seus asentos a concorrencia que acugulaba completamente o salón principal da veterana sociedade. E así tamén o temos de protagonista co gallo da proclamación da Segunda República Española, como paso imprescindible para conseguir degraos posteriores que dirixan a consecución absoluta dos obxectivos que se ten marcado. No lusco e fusco do día 14 de abril do 1931, co seu amigo o comerciante Luís Suárez, agatuña pola fachada do Palacio Municipal da Coruña para brandir as bandeiras tricolor e galega dende o seu balcón, como primeira manifestación republicana na cidade e, poucos meses máis tarde, convoca e preside a mesa de constitución do Partido Galeguista na Asemblea de Pontevedra, xunto con Filgueira, Bóveda e González Salgado. Antes, no ano 1930 elaborará o programa electoral do Partido Autonomista Agrario e promove a Federación Republicana Galega, proxectos ambos os dous que non conseguen a consolidación cara ao público que esperaba, pero que serán cernes organizativos doutras iniciativas posteriores que contan, para a súa implantación, con circunstancias máis favorables e pragmáticas, como será o caso do antedito Partido Galeguista. Así e todo o seu paso polo PG non é tan intenso como el esperaba que fose. As loitas internas de faccións non as asume en absoluto. E non está polo labor de constituír correntes de dereitas ou de esquerdas. Para Lugrís o Partido debe ser unha especie de Fronte na que entren todos e non perder a súa condición até conseguir as metas políticas marcadas. Aínda así forma parte da comisión que redacta o anteproxecto do Estatuto de Autonomía en 1932, e logo do proxecto, acompaña a Casares Quiroga, correlixionario seu na masonería, á reunión predemocrática do famoso Pacto de Lestrobe, pero xa, cun certo desencanto, non dedica integramente os seus esforzos ao campo político, máis aínda logo do seu nomeamento para a presidencia da Academia Galega á que accede o 28 de abril de 1934. Son momentos históricos do movemento autonomista e do republicanismo, dous vértices do seu ideario polo que toda a súa vida pelexara en todos os terreos. É un
Nº 367 74