Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
os profesores de Gramática non gozaron de estabilidade no cargo nin eran considerados catedráticos. Desde 1767 ata 1807 non se celebraron oposicións ás cátedras de Gramática, unicamente tiñan lugar concursos para cubrilas prazas, xa que os profesores eran interinos. Todo fai pensar que Labrada foi nomeado profesor en Santiago gracias á mediación do rector, Sánchez Ferragudo, que debía telo en estima. Deducímolo non só do feito de que fora nomeado profesor de Gramática durante o seu mandato senón, e sobre todo, da composición que en latín lle dedica Labrada posiblemente en 1771. Habilmente na composición non se cita nunca o nome do rector, pero polo contexto parece claro que se trata deste, cando Labrada escribe:
...cum vadas laetus Ilerdam felicique illuc ingrediare pede.14
O lector debe ter presente que Sánchez Ferragudo foi nomeado bispo de Lleida no ano 177115. A composición revela o agradecemento de Labrada e promételle que ?nulla adjussa tua desidiosus ero?. Nesta composición atopamos un dato sorprendente, cando ó remate rubrica a súa composición dedicada a Sánchez Ferragudo, escribindo:
Joseph Labrada, gentis cognomine dictus, ultimus ex servis, cultoribusque tuis
Parece indicar que o seu apelido Labrada foi posto pola xente, quizais por nacer nun lugar ou parroquia chamados Labrada. Iso pode explicala dificultade coa que nos atopamos para localizalo nos arquivos. De calquera forma debemos ter en conta que o apelido Labrada xa o usaba no ano 1762 cando bautizou ó seu fillo Lucas. A Expostulatio e esta composición sen título en honor ó rector Sánchez Ferragudo son as únicas obras que lle coñecemos. Atribuíuselle tamén unha obra en latín titulada Pro juventutis, sen data nin pé de imprenta. Basta estudiar esta composición para decatarse de que nin foi impresa en Santiago nin ten nada que ver con Labrada. É unha relectio, redactada por un padre xesuíta antes da súa expulsión, nun elegante latín. A confusión procede do feito de que alguén cando se atopou coa poesía de Labrada dedicada a Sánchez Ferragudo a pegou fisicamente ó texto Pro juventutis e, por iso, cando se elaborou a ficha, pensouse que o único autor que aparece, que é Labrada, sería o autor das dúas pezas. Sen embargo xa Bustamante, co seu bo criterio bibliográfico, advirte isto mesmo no Catálogo de Impresos da Universidade de Santiago16. A marcha para Lleida do seu protector debeu, sen dúbida, prexudicar a Labrada, dada a súa condición de profesor substituto e interino. Perdémola pista deste profesor na documentación universitaria o que parece confirmar noticias fragmentarias e pouco comprobadas de que marchou de Santiago para exercer de preceptor ou mestre en Pontevedra e na cidade da Coruña. O de Pontevedra a penas ten fundamento algún e pare27 Nº 363