BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
máximo ornamento da súa preclara congregación, nunha palabra, o Rvdo. P. Martín, de sobrenome, Sarmiento. E este sobrenome, se algunha vez os nomes cadran cos seus feitos, é ben sabido cómo lle conviña a tal home, porque este fructífero ?sarmento?, nacido de xenerosas plantas galaicas tomado da súa vide, foi transplantado no ameno xardín do divino Benito. Alí, enxertado en nobre e forte pé, ascendeu, como os cedros do Líbano, ata converterse na máis alta árbore, e á que verdadeiramente podemos chamar Árbore da Sabedoría. Pois esta nobre e extensa árbore abriuse en moitas e grandes ramas, dando cada unha delas os máis doces froitos de doutrina e non de un senón de diversos sabores e así nuns atópase o xenuíno sabor da Teoloxía, noutros o da Filosofía, nestes o da fisioloxía, naqueles o da Cosmografía, nalgúns o da Astronomía, noutros o da Historia e das demais Ciencias e Artes. Pero as mesmas fermosas follas que cubrían a árbore non se podía dicir que foran infructuosas pois estaban escritas con diversos caracteres que revelan o verdadeiro sentido das linguas latina, grega, hebrea, caldea, siríaca e arábiga. Do mesmo modo en que se di que o papiro lles ofreceu ós exipcios moitas e variadas axudas para a utilidade do home, así esta árbore, noutro sentido, ofreceunos moitas cousas para a nosa erudición. Certo que si Cicerón vivira no noso tempo diríanos con maior vehemencia o que no seu día exclamou de Solón e da súa descendencia: ¡Ou xenerosa estirpe! Que como se nunha árbore se contivesen tan variadas especies, así nun só home se concentra a sabedoría que lle corresponde a moitos. Tales cousas lle acaen ó P. Sarmiento que foi un dilixentísimo investigador da antigüidade que a coñeceu tan ben como se chegara a vivir nos tempos dos Antigos. E, en fin, foi entendido en tódalas doutrinas, tanto dos modernos como dos antigos que mesmo parecía non telas aprendido deles senón que el llelas podía ter ensinado a eles. Pero calemos xa sobre os innumerables saberes que con el perdemos porque se pretendemos buscar cada un deles non terán fin as nosas queixas e o noso choro. Desta maneira, Libitina, afectáchesnos co maior dano e a maior tristeza cando nos privaches de tan gran home que tan triste nostalxia nos deixou. Pero non te alegres, atroz Libitina, porque os que nos doemos da súa morte quédanos o consolo de ver que morrendo despois de vivir ata a madurez e mesmo ata a extrema senectude, legóunolo seu variado saber, xa ensinándoo de viva voz, xa poñéndoo por escrito e endexamais deixará de amosársenos útil. Desta maneira, Atropos, terrible Parca, o noso insigne home venceute, se dalgunha maneira o home pode derrotarte, porque percorreu o camiño da vida con honestidade á maneira daqueles que, coma Herodoto nos conta na Urania, levaban nas concorridas Lampedoforias, en honor de Vulcano, fachos acendidos ata a meta. Verdadeiramente cando este noso esforzado corredor na celebración dos xogos de Minerva, na Mantua dos Carpetanos, é dicir, Madrid, tan parecida a Atenas, fíxose coa palma, a carreira non rematou ata que, cumprido o percorrido, non entregase o facho ardente, isto é, a luz da sabedoría ós que veñen detrás, como cantou Lucrecio: ?E como corredores entregan a lámpada da vida?. Sendo así as cousas, o celebradísimo nome deste egrexio home permanecerá benemérito en dignidade entre as xentes de España e será contado entre aqueles que gozaron da maior gloria entre os gregos e entre os que os romanos tributaron maiores honores e entre os que Europa máis admirou. E iso mentres haxa amantes da letra por moito que lles moleste ás Parcas. Xosé Labrada (que fixo o mesmo texto en grego pero que non imprimiu pola falta de tipos gregos), Mestre de Gramática na Academia Real de Santiago de Compostela, compuxo esta imprecación.
Traducción da 1a edición da Expostulatio (X. B. F. e X. L. Axeitos).
Nº 362 44