BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
tese de doutoramento6 só alterando a cor do fondo do gravado que aparece en negro para dar unha sensación de loito, sensación que aparece remarcada polo filete en negro que aparece ó remate do texto e antes da sinatura de Xosé Labrada como autor do mesmo. Aguayo ó reutilizalo gravado da orla composta por Varela no ano 17687 non foi moi coidadoso porque, polo menos no exemplar que temos, non se axustan adecuadamente os corpos superior e inferior da orla como unha persoa atenta poderá observar. O texto da Expostulatio impreso por Aguayo aparece sen data. O P. Atanasio López dátao no ano 17728 guiado pola data de morte. Se temos en conta que o P. Sarmiento morre o 7 de decembro de 1772 e que a noticia da súa morte chegaría a Santiago non antes do día 15, resulta difícil pensar que en só 15 días Xosé Labrada puidera redactalo texto en latín e grego e o impresor Aguayo imprimilo. Por iso, parécenos que o impreso debeu aparecer en Santiago nos primeiros meses do ano 1773 pero antes da publicación da Oración Fúnebre de frei Anselmo Avalle. 2. O autor Escasos e fragmentarios son os datos que temos sobre Xosé Labrada, autor da Expostulatio e pai de Xosé Lucas Labrada, un dos máis notables ilustrados galegos9. Sabemos que no ano 1762 residía en Ferrol e estaba casado con María Antonia Romero, xa que o 18 de outubro de 1762 naceu nesta cidade ó seu fillo Lucas Xosé Labrada Romero10. Debeu exercer de mestre ou preceptor de Gramática por algún tempo na Coruña porque cando foron expulsados os xesuítas no ano 1767 contratáronse con urxencia para suplilo ensino Xosé Labrada e Nicolás Andiano11. Pouco durou Labrada neste destino interino porque no Claustro da Universidade de Santiago, celebrado o 30 de setembro de 1767, acórdase nomear tres profesores substitutos para o ensino da Gramática: Ignacio Frater, para a cátedra de Maiores, Xosé Labrada, para a de Medianos e Xoán Ignacio de Pazos, para a de Menores, Mínimos e Remínimos12. O Claustro, preocupado polo baleiro deixado polos xesuítas, está programando o futuro curso 17671768. Tendo en conta as cantidades que a Universidade traspasaba ó Colexio dos xesuítas para garantilo ensino da Gramática (cantidades case simbólicas porque os xesuítas exercían o ensino máis por afán apostólico que por outro motivo) que en 1766 eran 5.500 reais polos catro profesores ou mestres destinados ó ensino, o Claustro nun principio atopouse co problema de ter que facer fronte a uns gastos inesperados. Por iso o que fixo foi repartilos 5.500 reais entre os tres profesores: 2.000 para o de Maiores, 1.800 para Labrada, de Medianos e 1.700 para o de Mínimos. Protestaron respectuosamente os tres profesores solicitando un aumento dos soldos, o que lles foi concedido en 176813, pasando a percibir 2.500 reais o profesor de Maiores, 2.300 Labrada como profesor de Medianos e 2.200 o profesor de Mínimos. Ser profesor de Gramática na Universidade comportaba un certo prestixio social pero non podía compararse co dos catedráticos das facultades maiores, xa que ata o século XIX
Nº 363 26