Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
De aí o seu esforzo por empregar un léxico escollido polos seus valores sensoriais. Crear desde a fermosura da palabra era entrar xa no pórtico dese paraíso, dese ámbito que alborexa nos horizontes da imaxinación e que tan só albiscamos nos brillos últimos do poema, nesa emoción que queda estremecendo a árbore dos nosos soños. O poeta noiés emprendía en solitario a renovación da linguaxe poética apartándose da retórica ó uso. Foi unha ruptura, escasamente transitada, porque Avilés tiña unha estética equidistante tanto do existencialismo coma desa poética ensimesmada de mesacamilla. Abriu unha fiestra pola que entrou a liberación do imaxinario e un léxico de fermosura cegadora. Creo que a poética do seu primeiro ciclo foi unha illa perdida nos vaivéns das correntes daqueles días. Avilés está fóra do grupo dos seus compañeiros de xeración, case todos eles universitarios e cunha formación e lecturas semellantes. Avilés era un outsider, un marxinal, con lecturas diferentes pero ben asimiladas, que tiña moi claro o seu camiño. A súa independencia, así como a restrinxida circulación do seu primeiro libro fixeron que fose unha voz practicamente ignorada salvo no pequeno círculo no que se movía. No período que vai desde o 1959 ata 1965, creo que teriamos que salientar dous libros de poesía capitais para a nosa literatura A frauta yo garamelo e Sombra do aire na herba, ámbolos dous anovadores e marcaban un cambio no panorama da nosa poesía. Pero só a obra de Pimentel obtivo o recoñecemento crítico, e foi entusiasticamente comentada nos medios literarios. Isto non sucedeu coa obra de Avilés que era como xa dixemos antes practicamente descoñecida. A orixinalidade temática e formal, que o poeta noiés emprendeu na súa mocidade, era unha auténtica e fonda renovación, pero polas circunstancias sabidas edición minoritaria para os amigos , esta pasou case desapercibida, salvo a entusiástica recepción da obra por Ramón Otero Pedrayo, Cunqueiro e Isidro Conde. Creo que a renovación da poesía galega de posguerra arrinca con el e foi tan longa como profunda, e foi moi semellante á que se deu moito máis tarde na poesía castelá polos chamados ?novísimos?, pero a renovación do poeta noiés non tivo nin a difusión nin a repercusión que debera ter. Ambas poéticas beben nas vangardas, procuran que unha bafarada de aire fresco percorra os versos, así como manifestan un especial coidado na escolla da palabra polo seu valor estético e suxeridor. Coido que toda a renovación poética da posguerra a iniciou consciente ou inconscientemente este rapaz, longa renovación que culminaría nos anos oitenta cunha extraordinaria e magnífica floración de voces e poéticas. A lírica de Avilés foi unha poesía da ruptura en prol da beleza, ademais de intentar dar cabida a un soño na realidade. 2. Eu son todo paxaros
A frauta yo garamelo é o primeiro libro de A. Avilés, pois como tal saíu da imprenta Moret en 1959, cando o poeta contaba a idade de vintedous anos e consta de once poemas, nove numerados e dous titulados. Os poemas anteriores agrupados baixo o títu145 Nº 364