BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Creo que a poesía de Avilés foi unha excepcionalidade no contexto das nosas letras. Os seus primeiros poemarios son tan anovadores que os podemos considerar como raros e estraños meteoritos que, pola súa factura, forza e fermosura sorprenden os nosos poetas. A poesía de Avilés era nova, transida de musicalidade e de metáforas cegadoras. A súa mestría e madureza brillaron precozmente xa nos seus comezos, polo que a súa traxectoria posterior non foi máis que afondar na construcción dun universo poético onde caiba un soño da realidade contra as ruínas das idades. Creaba un reino de altas e transparentes xeografías que o poeta ía enchendo de ritmos e palabras onde poñer pé para pisar aquela paisaxe de asombros. Levados da súa man, habitamos tamén ese espacio onde o home e os paxaros teñen a levedade da luz. En resumo, poesía de grande orixinalidade e de gran perfección formal. A poesía dos seus inicios ten ascendencia vangardista. É indubidable que o surrealismo e mailo creacionismo conformaron a súa poesía; así como tamén o simbolismo. Fantástica, ousada e inefable fusión. O resultado, foi unha poesía, rutilante, chea de forza e que viña da inocencia dun mozo que quería iluminalo mundo co fulgor de insólitas imaxes. Cada poema seu inaugura un espacio autosémico polo seu carácter ficticio e non referencial; extrapola unha realidade vivencial que vén do corazón cun significado a penas consagrado. Cada poema crea un espacio imaxinario onde as palabras significan algo novo, escuro e misterioso, algo que está fóra delas, máis alá do mundo perceptible, verbas que nos desvelan o universo espiritual do poeta na escuridade luminosa da metáfora. Penso que nesta primeira etapa foi decisiva a ascendencia e maxisterio de Urbano Lugrís. Afirmaría que foi quen lle abriu as portas do paraíso das vangardas onde cabían tódolos soños e os poemas de músicas imposibles. Non me cabe dúbida de que escoitando o pintor recitar poesías nas súas linguas de orixe, o mozo Avilés collería a música bastándolle para entrar dentro dela e habitalas entusiasticamente. Sinalemos que un dos formantes esenciais é a música, ese efluvio que chega ó máis íntimo da alma e a transporta ós reinos do imaxinario. Lembremos que a estética vangardista (creacionista) configurou os seus poemas, sobre todo as súas ?imaxes vidradas?, estrañas e fermosas metáforas que repenican na nosa intelixencia emocional. O vangardismo do poeta, con entusiasmo e violenta inocencia, arrincáballe as roupaxes da tristura e da morte ó mundo. Tarefa prodixiosa a deste esforzado Avilés que intenta atopalo paraíso perdido na realidade e tamén no fulgor que aínda queda por detrás das palabras. Avilés sabe que esa busca do paraíso hai que facela a través da palabra, pero nomeando o mundo desde a fermosura da palabra:
Amo a palabra plena que se arrinca do curruncho máis íntimo do ser, e a sinxeleza de dicir bolboreta ou margarida.
Nº 364
144