BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
tadas a realidade interior e maila exterior, nunha imaxe na que se encerra metaforizado un estado interior. Para o crítico, precisar estas relacións vén sela clave para logo poder analizalo modelo de ?mundos? que configuran o esquema da realidade que o poeta expresa no seu imaxinario. É indubidable que a nenez e a mocidade da persoa son as etapas da vida nas que se vai formando unha ?imago? do mundo que logo ha moldeala cosmovisión de cada persoa e no caso do noso poeta revélase nas imaxes e metáforas. A poesía de Avilés vén da vida, nace do contacto cos espacios abertos, coa paisaxe. Despois vén o coñecemento libresco. Non nace das intertextualidades nas que, ás veces, o poeta aprende os seus pasos iniciais. As súas vivencias de neno serán os motivos que alimenten o seu poetizar, a interiorización da natureza forxará o alicerce sobre o que levanta non só o seu coñecemento do mundo máis esencial senón que tamén se gravará no seu imaxinario. Hai algo que eu quero constatar, penso que un dos formantes principais na súa poesía é a musicalidade. Ese sentido do ritmo que alenta nos poemas cunha forza incontible e inconmensurable é a harmonía roubada na sinfonía do aire nas campas do ceo. A importancia do sonoro, isto é, da musicalidade, está fortemente vinculada á natureza. A paisaxe para Avilés é música e color, luz e aire, elementos constitutivos do mundo externo e tamén do acervo simbólico do poeta. A música e a paisaxe moldearon o seu espírito. A súa sensibilidade sentiuse sacudida por eses ritmos e formas que o foron penetrando interiormente e arrebatando cara ós máis altos cumios da beleza. Coido entón que as súas raíces creadoras hai que buscalas nesa íntima convivencia de infancia e natureza, neses espacios abertos e sagrados, onde a alma voa alto e ?do máis fondo sae a voz da alegría e da vida?. (Claudel) Aí radica o seu inmenso poder creador. Salvador GarcíaBodaño (1971) cando escribe sobre o poeta para rescatalo do esquecemento, subliña que ?a calidade e dimensión da súa producción poética é coma un vento racheiro insospeitado que abrangue cousas?. Bodaño intúe, na súa comparación, a maxia da poesía de Avilés, que resulta anovadora, difícil de encadrar, e aínda que nos soe a familiar hai nela unha música envolvente que, como vento fuxidío, nos deixa enchidos de luminosos rechouchíos e dun ronsel de sons a ecoar na buguina do corazón. Teño que pór de relevo que a interiorización da realidade máis próxima ó poeta é a que marca toda a súa traxectoria lírica. O seu repertorio imaxinístico érguese sobre estas primeiras vivencias, configuradoras da súa toponimia espiritual e da ?constructo? léxica que nos leva pola paisaxe interior do poeta. Como ben di Xosé M. Álvarez Cáccamo, os recintos sagrados que conforman a educación sentimental de Antón Avilés de Taramancos son os bosques, o mar e a nai, ademais de seren tamén os elementos definitorios que constrúen o seu EU desde a infancia fixando os esquemas da seu mundo:
A luz que me circunda cando entro no recinto, o pórtico do bosque, o pórtico da infancia...
Nº 364
140