Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Non é este o lugar de xulgar comportamentos internos doutra institución pero si de convidar afectuosamente o clero de Galicia a seguilo exemplo do P. Sarmiento, honra dos eclesiásticos galegos. Sería unha deshonra para a xerarquía eclesiástica que a celebración das Letras Galegas en honor de Sarmiento non producise unha espontánea reflexión sobre este asunto. Sarmiento é o primeiro. É un demiúrgo. Á voz do frade bieito é pola súa calidade e insistencia a que dá inicio a esa reivindicación de Galicia que tivo sucesivos nomes: provincialismo, rexionalismo, galeguismo, nacionalismo. 6. Hoxe é un día de gracias en Galicia Hoxe é un día de gracias en Pontevedra, á que sempre chamou a súa patria, pola que tanto se desviviu, o único sitio no que desexaba vivir, sempre á vista do mar e do Castrove 36, e á que desexou deixarlle a súa biblioteca para que fose o embrión dunha gran biblioteca pública 37. Aquí é xusto lembralos esforzos que tódalas xeracións do Museo de Pontevedra fixeron e fan por conservaren e divulgaren a obra de Sarmiento, e que todos simbolizamos con gusto nas persoas de Casto Sampedro e Filgueira Valverde. Hoxe é un día de gracias nunha casa na que durante máis de 200 anos se falou con orgullo de Sarmiento, cando ninguén falaba del. Refírome á Casa Grande de Perros, parroquia de Calvor, de onde era a nai de Sarmiento e por onde tal día coma hoxe, 17 de maio de 1754, pasaba Sarmiento entrando en Galicia. Casa brasonada que aínda conserva documentación dende 1502 e propiedades en Melezna e Cadafresno, preto de Villafranca do Bierzo. Hoxe é un día de gracias en tantos lugares dos que Sarmiento descubriu a etimoloxía: Caritel, Alais, Sacar de Bois, Valdeorras; en tantos sitios polos que el pasou, anotando datos que hoxe xa son parte da nosa historia. Hoxe é un día de gracias en todos aqueles lugares nos que hoxe nenos, adolescentes e mozos, adultos e vellos congréganse arredor da lingua para a defenderen falándoa, escribíndoa, recitando, lendo, debuxando, correndo, camiñando, asociándose, facendo teatro, exposicións, revistas, carteis, organizando conferencias, concertos. Un pobo arredor da lingua (en Galicia e, quizais aínda con maior emoción, fóra de Galicia) é unha espiral que crea futuro. Hoxe é un día de gracias para cantos ensinan a lingua propia de Galicia, a historia, a xeografía; para cantos traballan en melloraren a agricultura, a pesca, as comunicacións, a sanidade. Todos estamos subidos nos ombreiros deste demiúrgo pontevedrés. Hoxe é un día de gracias no corazón soñador que todos temos. Son as dificultades as que nos fan mellores. Sarmiento estaba só e cultivaba o seu soño dunha Galicia grande e culta e rica traballando nos estudios etimolóxicos ás agachadas, cando os outros frades durmían despois de xantaren ou de cearen, porque facían a risa del. Ser Sarmiento non foi un camiño de rosas 38.
225 Nº 363