BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
con estes versos inicia un proceso de intratextualidade: A luz que me circunda cando entro no recinto o pórtico do bosque, o pórtico da infancia, o tempo resgatado nun intre, diante dos ollos abraiados... Neste pórtico entrara de corazón noviño da man do meu amor...26
E o remate deste poema engarza con outros do seu último libro, de xeito que o ?bosco? das primeiras emocións se vai configurando como símbolo dunha etapa da súa vida, que se sente tronzada nos últimos poemas:
...É neste souto onde o trasfondo dun sabor a guinda deixa o sinal na glándula e no canto. Orvalla tan miudiño na felicidade!
Soamente coa referencia deste final se entende estoutro poema:
Anxo da noite, cazador no escuro que vés flamíxero a me expulsar do souto: o varal está listo, a andália posta...27
Neste proceso intertextual aparecen por veces preocupacións e noticias periodísticas cotiás, así o arrebatado poema provocado polo traslado dos restos de Castelao28, ou o poema que reflicte o clima de indignación cando no verán de 1980 estaba o mundo expectante para recibilos restos do Skylab29. Sorprende en tódolos casos a capacidade de absorción poética, capaz de partir dun suceso periodístico para universalizar un episodio a través da palabra. Ó sentimento de ausencia e á intertextualidade poderiámoslles engadir outros elementos que configuran estilisticamente a poesía de Avilés: o sentimento elexíaco que se manifesta tamén desde os primeiros poemas coas elexías a Manuel Antonio e a Castelao e a Lugrís e Patiño posteriormente. Non transmiten soamente, á maneira tradicional, a dor pola morte do amigo ou do artista, senón que inciden, moi especialmente na solidariedade, xa sexa coa nai do poeta ou coa sociedade en xeral. Unha profunda sensualidade, un sutil erotismo, impregna toda a poesía de Avilés, un mundo sensorial que se expresa con absoluta naturalidade comunicando un vitalismo esperanzador. En fin, esa tendencia á linguaxe coloquial, que logra dala sensación de poesía fácil, conseguida cunha selección léxica que parece estrear cada palabra. A obra de Avilés é tan compacta que poderiamos estender moitos destes aspectos á súa mesma prosa, empregada para completar aspectos dos que prescinde na poesía e na que nos mostra a súa verdadeira cartografía literaria, como na Nova Crónica das Indias.
Nº 364 38