Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
sar eu que, aquí, onde se amaron traxicamente Rosiña e Manuel, tal como vos contei n'O penedo do crime, xurdiría esta factoría, filla daquela explosión de intelixencia, sensibilidade e xenerosidade que se chama Laboratorio de Formas, irmá das Cerámicas de Sargadelos, nai do Seminario de Sargadelos (1972), do Instituto Galego da Información (1977), do renato Seminario de Estudos Galegos e das Ediciós do Castro cos seus 1.300 títulos das ciencias máis variadas. Eu non sei se Díaz Pardo, este home pequeno de feitos grandes, é o abade do máis moderno mosteiro laico do mundo ou se é o Lorenzo Il O Magnifico deste Palazzo Medici do Rexurdimento Galego. Son gustante de que celebrédelo Día das Letras Galegas aquí onde axugan a estrita fidelidade ó tesouro, que os nosos pais nos entregaron, e mailo rendemento empresarial, que nos esixe o futuro: un futuro que ten tanto de rigor coma de elegancia, tanto de beleza coma de austeridade, tanto de beneficio coma de xenerosidade. Cando queremos explicar qué empresas queremos, que Galicia queremos, dicimol'O Castro, dicimos Sargadelos e queda moito dito. Saúdo, en fin, os que polo galego corren o risco primeiro: o cidadán que, incidentalmente enleado nunha investigación xudicial, testifica en galego e só en galego asina a declaración; ou o investigador que nunha especialidade fai a primeira tese de doutoramento en galego. Na primeira vez hai risco, porque o primeiro derruba un muro e algunha pedra, ó caer, pódeo esmagar. Pero deixa franco o paso ós que veñan detrás. Por iso ¡benia o médico que nunha sesión clínica do Hospital opina por primeira vez en galego asumindo con gusto o plus de esforzo terminolóxico e o plus de cordialidade para facer do galego lingua tamén da ciencia! ¡Benia a rapaza que ousa facer en galego un exame a un profesor que explica en castelán! ¡Benia o xornalista que escribe en galego tenteando día por día ata onde llo consente o director! ¡Benia o enxeñeiro que, podendo falar en inglés, presenta o seu currículo en galego e arrisca a facela entrevista de traballo nesta lingua! ¡Benia o mozo que xa tivo galego na escola, creu no que lle aprenderon e monta unha empresiña que funciona en galego, disposto a afogar, pero rema sen cedela lingua patria! ¡Benia, ó cabo, a cantos abrides algunha porta á lingua, á solidariedade e á xustiza! Irmáns ¡saúde e patria!
137 Nº 367