BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
barómetro da tensión arterial dun pobo. A resurrección dunha lingua mide sen fallo a resurrección dun pobo. Claro que tamén é sagrada a palabra doutros pobos e todos debemos vivir sen pisar palabras alleas. Pero, cando dicimos que nós somos nós, queremos dicir que, sexa ou non politicamente correcto, a nosa palabra tamén é divina, insubstituíble, innegociable. Benqueridos compatriotas. Subistes ó monte da autonomía que nós soñabamos e resultou que non era o final do camiño. Tedes regalías que nós non soñamos, coma que hoxe o galego coa axuda dos satélites e da Rede é unha lingua ubicua e internacional pero eses mesmos satélites e esa mesma Rede penetraron por primeira vez na intimidade familiar, santuario exclusivo da lingua galega onde esta se reproducía, e impoñen silencio e atención a unha oferta de comunicación informativa e relaxante na que a presenza do galego é insuficiente e non sempre competitiva. Unídevos para resolver este grave asunto. Vós sódela miña mesma paixón. Pero cambiou todo tanto, que precisades un argumentario novo. O falante pasivo non é o inimigo que temos que vencer senón un aliado que nos permite ós falantes activos vivir en galego as vinte e catro horas do día. Vascos, bretóns e irlandeses non saben o que é a regalía dos falantes pasivos e ben que o senten. Moitos de nós, en tempos, fomos falantes pasivos, ata que un día vivimos unha emoción que fixo virala nosa vida. Boa parte dos falantes pasivos son persoas coma nós que non viviron esa emoción. Provocar esa emoción é cousa vosa e nesa tarefa non sobra ninguén. Quixera dicirvos moitas cousas pero esta carta xa vai longa de mais e ídesme permitir que remate saudando só catro grupos. Saúdo os políticos galegos, que teñen a tarefa de xestionalo que moitas xeracións soñamos e non demos conseguido. Na redacción do terceiro estatuto de Autonomía pensen que sen lingua galega non hai Galicia e que, sen galeguismo, a autonomía carece de xustificación e caería sen remedio un día ou outro, como caeron máis altas torres. Saúdo a tódolos labregos, gandeiros e mariñeiros que ousaron atravesala silveira xurídica europea e, aínda que cheos de rabuñazos, poñen hoxe no mercado o leite, a carne, o peixe e o marisco da mellor calidade de Europa. Saúdoos por innovadores e por manteren unánimes a lingua galega, porque aínda a falan co dicionario enteiro e porque nunca precisaron campañas de normalización ¡Gloria e honor a quen constitúen a reserva de ouro cultural da patria! Saúdo a tódolos que traballan nesta gloriosa casa do Castro de Samoedo, honra da miña Sada mariñá e espello da clase empresarial que soñamos. Mal podía penNº 367 136