Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Nisto Santa María da Cruña colleu unha chave que dicía A lingua é a patria. Abriume as portas e, mentres dentro soaban os Cantares vellos e novos de Galicia de Marcial del Adalid, dixo: Entra por esta porta. Cando canten sesenta e seis cucos, Galicia axuntarase en Sada. Subirán en romaxe civil ó Castro de Samoedo e invocarán o teu nome e ti teslles que mandar alí unhas palabras por un propio. Sesenta e seis cucos aquí pasan nun santiamén. Con que vaite poñendo a escribir. Parvo coa emoción non dei unha fala, entrei e, antes de outra cousa ningunha, benqueridos compatriotas, púxenme a escribirvos isto co corazón na man. Viñestes a Sada en romaría e a miña felicidade é ver cantos galegos tedes hoxe a miña paixón pola lingua galega. Multiplicouse tanto esta teima, que o mundo debe saber por que a temos. O cuco, a rula e o paspallás son tres aves que pasan o mar: van e veñen sempre igual, aniñan sempre igual e cantan sempre igual polos séculos dos séculos, tal como llelo marca o seu código xenético. Pero nós témola palabra e coa palabra somos conscientes do que sentimos e facemos, transmitimos pensamentos complexos, organizamos experiencias e analizámolos éxitos e os fracasos e por iso progresamos. A palabra libéranos das limitacións do código xenético. A palabra fainos libres, responsables, creadores. O de Prometeo é un conto barato, porque o esencial non é o lume, senón a palabra; e a palabra, como vós dicides agora, traémola de serie tódolos homes. A palabra é a que constitúe o ser humano. Sen palabra seriamos gando. A palabra é un privilexio que vén dese misterio do que todo procede e ó que lle damos moitos nomes, porque non lle sabémolo nome. O que sabemos é que a palabra é sagrada. A palabra de cada pobo acumula milenios de experiencia compartida e unha peculiar maneira de percibila realidade que nos envolve. Onde hai xente que comparte as mesmas palabras, hai un pobo distinto que vén da noite dos tempos. E, como extracto de experiencia milenaria compartida, expresa a esencia intransferible da colectividade, como o expresan o Pórtico da Gloria, os versos de Airas Nunes ou as cousas de Castelao. A palabra déuselles a tódolos pobos sen distinción de tamaños. A palabra dun pobo nunca é superior á palabra doutro pobo, só é diferente, porque diferente é a experiencia milenaria que cada pobo ten detrás. Un home que lle quere quitar a outro home a súa palabra non só é un sacrílego senón que lle está botando a man á carteira. A defensa da lingua propia ten moito alcance económico, político, humanístico. O estado da lingua é un magnífico
135 Nº 367