BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas
E san Miguel fíxolle unha reverencia que era concordancia pero que volvía impoñer silencio. Contaron despois algunhas cousas de tipo distinto: a miña compaña a Pondal en momentos difíciles, a miña insubmisión nos momentos da guerra en que eu picaba de galeguista, de republicano e de exmasón. E contaron tamén algunhas outras cousas de tipo familiar que non é do caso que vos relate. Santa María da Cruña, sen gardar protocolo ningún, dixo ¿Sería hoxe Galicia nacionalidade histórica sen a Liga Gallega, sen a Cova Céltica, sen a Real Academia Galega, o agrarismo de Solidaridad Gallega, as Irmandades da Fala, o Partido galeguista e sen o primeiro Estatuto de Autonomía? Pois en todo iso puxo a man Lugrís, que tamén botou a andar o teatro en prosa e mailo ensino do galego, que puxo en pé o monumento ós mártires da Libertade en Carral e que mesmo puxo os primeiros subtítulos en galego a unha cinta de cine. ¡Este home é pai dunha patria! ¡Está ben, está ben! ?dixo san Miguel? pero quen ten que falar é a romana. ¡Pois mire para ela !?dixo santa María. E é que, por certo, o prato da romana fora descendendo ó compás da enumeración que ela fixera. E san Miguel viu que xa estaba banceira e volveu sorrir e dixo: Ben. A túa conduta pesou máis có compromiso emotivo dos 18 anos no cemiterio de Liáns. Axiña percibiches que a marxinación da lingua galega era a marxinación das persoas que a falaban. E a corrixir iso dedicaches toda a túa actividade cultural, política e social. Virán tempos en que un especialista en gramática lle poida apoñer chatas a algunhas páxinas da túa Gramática ou un lector do Atlas Lingüístico do ILGA a algunha das túas opcións estandarizadoras ou un crítico literario á estrutura das túas narracións ou á métrica dos teus versos ou á concepción do teu teatro. Pero o que ningún especialista superará nunca é a visión de conxunto pola que ti subordinaches gramática, estándar e creación literaria ó obxectivo patriótico de dignificala lingua galega e de facer tamén lingua urbana e moderna a que antes era só tradicional e rural; e isto mesmo aínda o subordinaches ó obxectivo social de dignificala xente humilde liberándoa de explotadores. Esta subordinación da filoloxía e da literatura á reconstrución da patria e esta subordinación da patria á xustiza social eleva o traballo científico, artístico ou político á categoría de actividade humanística. Iso é o que valorou esta romana. Iso é o que te converte en exemplo perenne para os filólogos, para os poetas, narradores e dramaturgos, mesmo para os sindicalistas e os políticos dos séculos vindeiros. Entra no paraíso dos patriotas... e cun sorriso malicioso engadiu: pero que abran as dúas follas da porta para que pasen contigo Asieumedre, K.Ñoto, L.U.Gris, Roque das Mariñas e Servet. ¡Benvido, home dos seis nomes!
Nº 367 134